4 de abr. de 2018

O BAIXO MIÑO

UXÍO BENÍTEZ, ELIXIDO PRIMEIRO DIRECTOR DA AGRUPACIÓN EUROPEA DE COOPERACIÓN TERRITORIAL ‘RIO MINHO’  

O deputado de Cooperación Transfronteiriza marca como reto do seu mandato “consolidar a AECT como un instrumento político transfronteirizo ao servizo de toda a cidadanía, concellos e cámaras do territorio”  

O nomeamento do nacionalista supón o primeiro paso na formalización da nova entidade, que se completará en maio coa constitución da Asemblea Xeral 


Uxío Benítez Fernández, ven de ser nomeado director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho
Foto: D. P.

Infogauda / O Baixo Miño

 A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de iniciar a constitución formal dos seus órganos co nomeamento do seu primeiro director: o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez Fernández. O mandato do nacionalista á fronte da nova entidade de cooperación durará dous anos e no 2020 pasará ao rexedor da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira. 

 Uxío Benítez subliñou que “o reto durante estes dous anos de mandato será consolidar a AECT nun instrumento de política transfronteiriza no territorio do Miño”. Así mesmo, asegurou que a entidade “estará ao servizo da cidadanía e de todos os concellos e cámaras municipais que a conforman”. O responsable provincial quixo lembrar unha vez máis a relevancia do nacemento desta nova entidade e da “importancia desta área de actuación”, encadrada no medio do eixo Vigo-Porto (con 3,5 millóns de habitantes) e na que se desenvolven practicamente a metade dos fluxos de vehículos lixeiros entre España e Portugal.  

 Segundo establecen os estatutos da nova AECT, a dirección terá sempre carácter rotatorio bianual e alternarase entre os dous socios que a conforman: a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho. Deste xeito, duranteos dous primeiros anos o cargo de vicedirectorrecaerá nun representante portugués e despois pasará a un representante da Deputación de Pontevedra. Ademais da dirección, o novo organismo tamén conta xa cun Consello de Coordinación composto pola deputada Monsterrat Magallanes Álvarez e João Manuel Esteves, presidente da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, ambos en calidade de vogais da institución.  

 Segundo adiantou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o seguinte paso dentro do proceso de formalización da AECT será a constitución da Asemblea Xeral, prevista para o vindeiro mes de maio, e na que previsiblemente estarán representadas as cámaras municipais e concellos do territorio do Miño.  

 A AECT Río Minho é un novo instrumento estable de desenvolvemento con personalidade xurídica propia que ten por obxectivo a defensa da xestión compartida dos servizos entre todos os actores existentes en torno ao río Miño. Así mesmo, a entidade ten capacidade para optar a fondos europeos e xestionalos, así como promover e organizar accións de cooperación no territorio de forma directa.   

 Os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, que aglutinan 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal, abranguendo máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.  

 O impulso para a creación da AECT Rio Minho encádrase dentro das accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto SmartMinho liderado pola Deputación de Pontevedra, que acadou un investimento de 942.022,47 euros, dos que o 75% están cofinanciadospolo programa INTERREG VA POCTEP dentro dos fondos FEDER da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario