7 de mar. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

Ás galegas sóbrannos razóns para ir á folga este 8 de Marzo 
·  A CIG convoca paros laborais de dúas horas por quenda de traballo  

·   En Vigo haberá concentracións ás 12:30 horas no farol de Urzaiz e na rotonda do hospital Álvaro Cunqueiro (estrada Clara Campoamor). Na primeira participará a secretaria das Mulleres da CIG, Marga Corral, que estará en Vigo durante a xornada    

· A CIG chama a participar tamén na manifestación convocada por Galegas 8M de Vigo, ás 20:00 horas dende a praza de Portugal  



    CIG / Vigo

 Este 8 de Marzo, a CIG ten convocada folga de mulleres, no marco do Paro Internacional de Mulleres que secundarán preto de 100 países, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

 Neste contexto, o pasado 29 de xaneiro a CIG rexistrou a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas laborais: de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas para que todas as mulleres poidan sumarse á folga convocada no traballado asalariado, mais tamén á folga de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista e a mobilizarse nas múltiples convocatorias previstas ao longo do país.

MOBILIZACIÓNS DA CIG O 8 DE MARZO 

A  CIG anima a participar activamente neste xornada de loita acudindo ás concentracións que a central sindical vai realizar en máis de 30 cidades e vilas de Galiza. No caso concreto da Unión Comarcal de Vigo, a CIG ten convocadas as seguintes mobilizacións, coincidindo co paro laboral da mañá:  

- VIGO: concentración ás 12:30h, no Farol de Urzaiz e na rotonda de acceso ao hospital Álvaro Cunqueiro (estrada Clara Campoamor). 
- BUEU: concentración ás 12:30h, diante do Concello (Eduardo Vicenti, 8). 
- CANGAS: concentración ás 12:30h, diante do Concello (Castelao, 2). 
- MOAÑA: concentración ás 12:30h, diante do Concello (As Barxas, 2). 
- TOMIÑO: concentración ás 12:00h, diante do Concello (Pr. do Seixo) 
- TUI: concentración ás 12:30h, no Outlet. 
- O PORRIÑO: concentración ás 12:30h, no IES Ribeira do Louro (Torneiros).

 De igual xeito, a CIG anima a participar activamente nos actos locais previstos polo movemento feminista galego na tarde do propio 8 de marzo. Na cidade da Vigo, a central sindical fai un chamamento a acudir á manifestación convocada polo colectivo Galegas 8M de Vigo, que sairá ás 20:00 horas da praza de Portugal e rematará na Porta do Sol.   

 Sóbrannos as razóns  

 Dende a Secretaría das Mulleres da CIG faise un chamamento a que, “nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos facendo e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos”. Facendo extensivo ese chamamento ás estudantes, ás desempregadas, ás asalariadas, ás funcionarias, ás fixas, ás eventuais, etc., “para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”. 

 Ás mulleres galegas sóbrannos as razóns para ir á folga este 8 de Marzo: cobramos menos ca un home (de media en Galiza, a muller ingresa 4.513 euros anuais menos); temos máis contratos a tempo parcial (o 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes e a taxa de temporalidade feminina situouse no 28,7% no ano 2017). Tamén temos as pensións máis cativas: a diferenza media entre as pensións das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%.  

 Temos máis dificultades para promocionar; somos quen solicitamos excedencias de xeito maioritario; seguimos tendo unha dupla ou tripla xornada e impídesenos conciliar. Ao tempo, está medrando o número de mulleres con ingresos inferiores ao SMI e miles de mozas teñen que emigrar para evitar o desemprego ou a precariedade.   

 Xunto a isto, as mulleres continuamos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa e no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa integridade. Por iso, este 8 de marzo "ten que ser un antes e un despois" na conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. 

 "Hai que recuperar o xermolo proletario que ten e poñer de relevo que as mulleres non imos para até conseguir os nosos dereitos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario