2 de mar. de 2018

A GUARDA

O BNG presenta na Guarda unha moción en apoio á Folga Internacional do 8 de marzo  

María Mercedes Martínez Vázquez (concelleira do BNG no Concello de A Guarda): “Esta folga pretende ser unha chamada de atención sobre a desigualdade e invisibilidade que sufrimos as mulleres”  

María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG no Concello de A Guarda e vogal da Xunta da Entidade Local Menor de Camposancos

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción en apoio á Folga Internacional de reivindicación feminista do 8 de marzo.  

 O BNG lembra que a fenda salarial na Galiza é do 23%, pois mentres o salario anual dos homes estímase en 20.243 € o das mulleres non chega aos 15.730 €, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións.  

 “Na Guarda hai 384 mulleres rexistradas no paro e 296 homes, o que representa unha porcentaxe do 14% superior de desemprego por razón de sexo”, afirmou María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Guarda e vogal da Xunta da Entidade Local Menor de Camposancos

 Dende o BNG - sinala a concelleira nacionalista - anímase aos guardeses e guardesas a apoiar esta convocatoria, para tomar conciencia do papel da muller na sociedade actual e ir camiñando cara unha igualdade real e non de papel.  

 “Animamos aos homes a participar nesta convocatoria de folga, apoiando ás mulleres facilitando a propia participación nos servizos mínimos,...” sinalou María Mercedes Martínez.

 O BNG espera que o Goberno da Guarda facilite e anime ás traballadoras do concello a secundar o paro como exemplo ante a sociedade sobre a importancia do papel da muller e na procura de iniciativas políticas a prol dunha igualdade efectiva, conclúe Martínez Vázquez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario