5 de feb. de 2018

PONTEVEDRA

AS BRIGADAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REALIZAN ACTUACIÓNS PREVENTIVAS 

PARA GARANTIR A SEGURANZA VIARIA NAS ZONAS CON MÁIS RISCO DE XEADAS E NEVE NA PROVINCIA  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que está activado o protocolo por frío novamente  

Na fin de semana a maquinaria tivo que retirar neve da calzada en varias estradas provinciais por aviso do 112 nas comarcas do Deza-Tabeirós  


Un dos camións esparexedores de sal que actuaron esta mañá e da EP-2908 Arcade-Amoedo.
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 As brigadas de mantemento da rede viaria da Deputación de Pontevedra están a realizar actuacións preventivas para garantir a seguranza viaria nas zonas con máis risco de xeadas e neve na calzada. No día de hoxe os equipos de traballo esparexeron sal a primeira hora da mañá nas zonas do Deza Tabeirós, o Condado-Paradanta e tamén no interior da provincia, sobre todo nos concellos de A Lama e Fornelos de Montes. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, está activado novamente o protocolo por frío, con toda a maquinaria provincial e o persoal a disposición.  

 De feito, durante esta fin de semana, aínda que a normalidade foi a tónica dominante, a brigada de garda da zona Norte (correspondente ao parque de Lalín) foi requirida polo 112 para actuar retirando neve das estradas Cachafeiro-Silleda e a Estrada-Forcarei ás 6.00 da mañá, estando a DXT no lugar para coordinar a incidencia. 

 Segundo insiste o deputado Benítez, o protocolo por frío e neve actívase de xeito automático sempre que existe unha previsión de baixada das temperaturas. Os percorridos preventivos das brigadas de mantemento e as actuacións por urxencia están estandarizados e os avisos de incidencias chegan dende o 112 ao servizo de Vixilancia provincial, que advirte ás brigadas da zona correspondente a calquera hora do día (están operativas 24 horas os 365 días do ano). Tamén se reciben chamadas de representantes municipais, policías locais e incluso veciños afectados, que se unen ás incidencias detectadas polos propios servizos provinciais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario