7 de feb. de 2018

MADRID

O acto encheu a sala principal e o hall da Casa, a pesar do frío que facía en Madrid  

A AMMU PRESENTA NA DELEGACIÓN DA XUNTA/CASA DE GALICIA A BIOGRAFÍA “VIDA DE CONCEPCIÓN ARENAL”, DE MARÍA LUISA MAILLARD, PUBLICADA POR ELIA EDITORES 

O público encheu á sala principal e o hall da Casa
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A  Asociación Matritense de Mujeres Universitarias (AMMU) presentou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a biografía “Vida de Concepción Arenal”, de María Luisa Maillard, escritora, presidenta da AMMU e directora de Elia Editores, a editorial que publica a colección de biografías de mulleres á que se incorpora a recollida neste novo libro. O acto encheu a sala principal e o hall da Casa, a pesar do frío que facía en Madrid. 

 Interviñeron na presentación, ademais da autora, a avogada e exministra de Asuntos Sociais -titular da carteira entre 1993-1996- Cristina Alberdi, prologuista do libro, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que pechou o acto destacando a personalidade da biografiada, o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, e a artista Natalia Velasco, quen a final do acto interpretou, xunto a María Luisa Maillard, un diálogo dramatizado entre as escritoras e activistas coruñesas Concepción Arenal e Juana de Vega, condesa de Espoz e Mina, cunha breve intervención de Paco Aparisi como Salustiano de Olózaga.  

 Ónega afirmou que a ferrolá Concepción Arenal (1820-1893) enfrontouse ao longo da súa vida “a todos os problemas humanitarios que padecía España no tránsido á Modernidade” e que se dedicou “á defensa da dignidade dos esquecidos da sociedade”, os presos, para os que reclamou un Código penal correccionista, os orfos e menesterosos, sen esquecerse do papel relegado das mulleres. Presentou á autora, María Luisa Maillard, quen é doutora en Filoloxía con Premio Extraordinario, preside a AMMU, dirixe Elia Editores, e é estudiosa do pensamento de María Zambrano, figura sobre a que publicou varios libros e colabora na edición crítica das súas Obras Completas. Tamén publicou “Asociación Española de Mujeres Universitarias 1920-1990”, as novelas “El cementerio francés” e “El color del mundo” e as biografías “Vida de Margarita Salas”, “Vida de Soledad Ortega”, “Jesús González de la Torre”, e “Vida de María de Zayas”.  

 Alberdi lembrou que Arenal foi a primeira muller que estudou Dereito na universidade española -fíxoo vestida de home- e que, aínda que non se lle permitiu exercer de avogada, “os seus traballos serviron como guía para moitas das reformas legais que se emprenderon en España a finais do século XIX”. Referiuse a ela como “pioneira do feminismo”, “adiantada da súa época” e “persoa progresista, avanzada e liberal”. “A ela debémoslle en parte o que a sociedade española alcanzou en canto a igualdade de xénero. É unha débeda que non debemos esquecer e por iso ten un enorme valor esta biografía”, valorou.   

 Maillard explicou a colección de biografías de Elia Editores, que foi galardoada con Mención de Honra na modalidade de “Ciencia, Enxeñería e Valores. Premio Especial Implicación da Muller” na 11ª edición do Concurso Internacional Ciencia en Acción que se celebrou en 2010 en Santiago de Compostela e que alcanza coa de Concepción Arenal o número 36. Despois centrou a súa intervención “na poderosa intelixencia” de Arenal, “que foi pioneira na defensa dos dereitos da muller, pero cuxa reflexión abarcou todos os problemas candentes da súa época”. “Soubo ver o papel que un estado en formación, como o español do século XIX, debía realizar no terreo da axuda aos máis necesitados, defendendo sempre a súa dignidade como persoas. Sumouse á corrente penal correccionalista que estaba a callar en Europa e afrontou con valentía a ´cuestión social´ que se estaba introducindo con forza en España da man das ideoloxías comunista e anarquista”, expuxo.  

 O diálogo dramatizado co que se pechou o acto que interpretaron Luisa Maillard como Juana de Vega, Natalia Velasco como Concepción Arenal e coa breve intervención de Paco Aparisi como Salustiano de Olózaga virou ao redor dunha conversación imaxinaria que puideron manter ambas as mulleres en casa de Juana de Vega e tiña como finalidade achegar o personaxe ao público, de forma directa e emotiva. O momento histórico era 1863, cando Concepción Arenal é nomeada Visitadora de Cárceres de Mulleres de Galicia e trasládase a Coruña. Dedicara o seu libro “La Beneficencia, a Filantropía e a Caridad” a Juana de Vega, viúva de Espoz e Mina, e neste período de madurez ambas as mulleres comparten inquietudes e fanse amigas. Outras obras de Arenal son “Estudios Penitenciarios” e “La emancipación de la mujer”.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario