15 de feb. de 2018

MADRID

A obra recolle a música orixinal deste instrumento tradicional galego que estivo a piques de desaparecer 

O MÚSICO RAFAEL CARRACEDO ENCHE AS INSTALACIÓNS DA DELEGACIÓN DA XUNTA/CASA DE GALICIA NA PRESENTACIÓN DO LIBRO-DISCO “A REQUINTA DÁ ULLA. OBRADOIRO RIOBÓ”  


O coordinador de Actividades, Ramón Jiménez, con Rafael Carracedo -coa requinta na mán - e os músicos que o acompañaron
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 O músico de orixe galega Rafael Carracedo Crespo encheu este xoves 15 de febreiro, as instalacións da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia con motivo da presentación do libro-disco “A requinta dá Ulla. Obradoiro Riobó”, publicado por Edicions Embora coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, do que é autor. A sala principal, cun aforamento de ao redor dun centenar de persoas, colgou o cartel de completo e moitos dos asistentes tiveron que seguir o acto desde o hall da Casa.  

 A obra presentada constitúe o primeiro cancionero que recolle a música orixinal da requinta da Ulla, instrumento tradicional galego -típico do Val do Ulla- que estivo case desaparecido desde a década dos oitenta do pasado século e do que ofrece un percorrido a través de máis de oitenta partituras, planos e fotografías antigas. 

 Acompañou ao autor na presentación o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen interveu en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Jiménez destacou a “primorosa edición” do libro, que corresponde “ao amor” posto polo seu autor durante os sete anos que traballou nel, e que a obra documenta a requinta e rescata do esquezo partituras “que ata ese momento só estaban na memoria dos músicos máis antigos e lonxevos”. Tamén a preparación do autor, que estudou no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde terminou a súa carreira en 2009 con Matrícula de Honra, e en Salzburgo (Austria) e foi membro da Orquestra Escola da Sinfónica de Madrid, a Banda Sinfónica Municipal de Madrid, a Orquestra Sinfónica de Madrid, a Orquestra Sinfónica de RTVE, a Orquestra Sinfónica da Comunidad de Madrid, a Polish Sinfonia Juventus Orchestra de Varsovia, a Hulencourt Soloist Chamber Orchestra de Bruxelas e a Unidade de Música da Garda Real, onde é solista de fliscorno. A iso súmase o seu interese pola música tradicional e a gaita, que lle levou á fundación do cuarteto Miañadur e a ser profesor de gaita e de requinta e conferenciante.

 Carracedo, nacido en Madrid de pai ponteareán e nai vedresa, herdeiro dunha tradición familiar de músicos, explicou que a requinta é un tipo de frauta travesera dividida en cinco partes, característica do Val do Ulla, concibida para acompañar ás gaitas e que esta obra “ten como obxectivo divulgar este instrumento e que se coñeza fose da comarca do Ulla”. Sinalou que os dous últimos requinteiros que están en activo, Pepe de Nande e Marcelo de Muiñeiro, que superan os oitenta anos, colaboraron na súa realización e que contén tamén a historia do taller García Riobó, da Estrada, o máis antigo de Galicia aínda en funcionamento e no que naceron estes instrumentos.  

 O autor fixo un percorrido polos diferentes temas que se abordan no libro, que acompañou de exemplos de audios como mostra do labor de transcrición de partituras realizadas neste proxecto e recollidas no cd que acompaña ao disco, no que colaboraron destacados músicos como Daniel Bellón, Xurxo Fernándes e Diego Maceiras. 

Rafael Carracedo e os músicos que lle acompañaron, interpretaron algunhas das partituras para requinta rescatadas na súa obra


 Finalmente Carracedo interpretou unhas pezas en directo, acompañado dalgúns dos músicos do grupo de música tradicional galega co que gravou o CD do libro. A formación compoñíana: Rafael Carracedo (requintas da Ulla, frautín e pínfano), Andrés Andrés (gaita), Alex Romero (gaita), Miguel Rivas (tamboril e bombo con pratos), Marcos “Kinhos” Saburido (caixa antiga e pandeireta) e Daniel Camaño (caixa antiga e bombo). Foron moi aplaudidos polo público. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario