A MOSTRA DE CULTIVOS CUMPRE 15 ANOS POÑENDO EN VALOR A HISTORIA DO AGRO NO BAIXO MIÑO
OS PREMIOS DE XARDINERÍA AGAEXAR-ACUBAM E A VENTA DE PRODUTOS DO CENTRO DE EDUCACIÓN ESPECIAL SAN XEROME, PRINCIPAIS NOVIDADES DESTA EDICIÓN
Infogauda / Goián (Tomiño)
A Mostra de Cultivos do Baixo Miño quenta motores para celebrar a súa décimo quinta edición cunha morea de novidades. Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam) e polo Concello de Tomiño, a mostra celebrarase os vindeiros 2, 3 e 4 de marzo no pavillón municipal de Goián e terá como eixo central a historia do agro na comarca, facendo un percorrido polo que é, o que representa na actualidade e cara onde camiña a través de diversas actividades.
Deste xeito, a mostra achegará ao público participante aos inicios do agro no Baixo Miño cunha exposición fotográfica das principais épocas do sector, que permitirá apreciar a súa evolución ata hoxe en día e servirá para facer unha radiografía do presente a través dos preto de 30 expositores que estarán no evento. O futuro chegará un ano máis da man de Acubam Innovación, un certame que acada á súa terceira edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca.
Novidades
A XV Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega con varias novidades na súa programación. Entre elas, a presentación da apertura da convocatoria e as bases de participación dos Premios Xardinería 2018, organizados por primeira vez por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).
Nesta décimo quinta edición Acubam quere fomentar a responsabilidade civil da asociación e achegarse máis á sociedade da contorna e farao colaborando co centro de educación especial San Xerome, de A Guarda. Durante toda a xornada do domingo 4 de marzo, o alumnado deste centro venderá na mostra os produtos doados polos expositores para recadar fondos para o proxecto de reforma dunha bañeira terapéutica nesta entidade.
Programa
A mostra contará un ano máis con conferencias e xornadas técnicas especialmente dirixidas aos profesionais do sector, pero que tamén están abertas ao público en xeral. Así, o evento arrancará o venres 2 de marzo ás 11.30 horas coa mesa técnica sobre sanidade vexetal, que reunirá a importantes expertos na materia para debater sobre a importancia da diagnose e a definición dos protocolos de actuación na loita contra pragas, facendo especial mención do caso Xylella. A programación continuará pola tarde, ás 16.00 horas, cunha mesa sobre o modelo de negocio no agro na que se afondará na necesidade de potenciar a profesionalización do sector a través da mellora de competencias e capacidades dos xerentes das empresas e no que se estudarán diversas fórmulas de éxito no ámbito da xestión empresarial.
O sábado 3 de marzo dedicarase á mañá ao acto inaugural da mostra, para dar paso pola tarde (16.30 h) a unha xornada sobre a auga no rural, no que a asociación Coxapo divulgará a importancia dunha óptima xestión da auga e abordará temas como os plans hidrolóxicos, as regulacións nos plans de seca, a garantía sanitaria do recurso ou o problema do radón en Galicia. Esa mesma tarde o público tamén poderá participar nun obradoiro de empregabilidade (16.00 h) e noutro de xardinería ecolóxica (16.30 h) impartido pola Fundación Sales e a Asociación Española de Jardinería Ecológica e dirixido a público de todas as idades.
A última xornada da mostra, o domingo 4 de marzo, estará máis centrada en actividades para toda a familia, coa celebración por exemplo dun obradoiro lúdico con talleres ecolóxicos, probas físicas, obradoiros de reciclaxe e xogos tradicionais para espertar entre os e as participantes a curiosidade polo sector e dirixido pola granxa escola Corazón de Carballo. A mostra rematará cun concerto do grupo Rock Percusión, integrado por alumnado do centro San Xerome, a partir das 19.00 horas.
Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario