19 de xan. de 2018

TURISMO

O CONCELLO DA GUARDA IMPULSA A PROMOCIÓN DA VILA 

Como destino turístico en FITUR 2018  



Infogauda / Madrid

 O Concello da Guarda participa na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2018, que se celebra entre os días 17 e 21 de xaneiro en Madrid, impulsando a promoción da vila como destino turístico de calidade.  

 A delegación da Guarda -formada pola concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, o concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo González, e a técnica de Turismo, Rosalía Verde Pérez- mantivo durante as xornadas do mércores e xoves, días 17 e 18 de xaneiro, diversas reunións e encontros con consultores turísticos especializados, empresas de turismo tecnolóxico e turismo activo, e importantes axencias turísticas, tanto consolidadas como de creación recente. Estas últimas, especializadas en segmentos do mercado turístico, resultaron de gran interese para A Guarda. 

Os representantes da localidade guardesa acudiron ao acto de entrega dos premios EDEN (Destinos Europeos de Excelencia) 2017

 Na tarde do mércores, os representantes da localidade guardesa acudiron ao acto de entrega dos premios EDEN (Destinos Europeos de Excelencia) 2017 que tivo lugar no expositor de Turespaña. No evento, convocado pola Secretaría de Estado de Turismo e presentado polo subdirector xeral de Cooperación e Competitividade Turística, Antonio Nieto Magro, e a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián González, fíxose entrega do galardón ao proxecto vasco «Tierra Ignaciana». Tras a entrega do premio, os técnicos dos destinos EDEN mantiveron a habitual reunión de traballo na que se concretaron as próximas actuacións para a promoción dos Destinos Europeos de Excelencia, entre os que se atopa a vila guardesa.  

Presentación da campaña «Rías Baixas, somos historias» realizada pola Deputación de Pontevedra

 Con todo, onte foi o día máis importante para a delegación da Guarda nesta trixésimo oitava edición da feira. Ás 12 h, os representantes municipais acudiron á presentación da campaña «Rías Baixas, somos historias» realizada pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de prestixiar a provincia como destino turístico cultural e de lecer e propiciar un turismo desestacionalizado.  



 Este ano, o Concello da Guarda e a Comisión das Festas do Monte Santa Trega traballarán conxuntamente para lograr o recoñecemento destas como Festas de Interese Turístico Nacional. Con este obxectivo, a delegación guardesa mantivo durante a súa estadía en Madrid reunións con axencias de comunicación e asociacións de xornalistas especializados en turismo. 

 Os representantes municipais, aproveitando a viaxe, visitaron a mostra pictórica «Laberinto de colores» do artista guardés Antonio Martínez («Cachi»), formada por lenzos que amosan a natureza, o mar e a terra, e nos que A Guarda é protagonista. As obras permanecerán expostas na Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 31 de xaneiro.   

 FITUR 2018 

 A Guarda, que participa na feira dende o ano 2011, estivo presente durante as xornadas do 17 e o 18 de xaneiro no expositor de Turismo de Galicia, ofrecendo información turística de interese ao público en xeral. A información sobre a vila permanecerá exposta ata o remate da feira, para que profesionais e visitantes podan dispoñer dela e coñecer a oferta turística da Guarda.  

 A Feira Internacional de Turismo (FITUR) defínese como un punto de encontro global entre os profesionais do sector, coa participación anual de miles de empresas, entidades públicas e profesionais de todo o mundo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario