20 de xuño de 2017

GALICIA

BANDEIRAS A MEDIA ASTA NOS CONCELLOS GOBERNADOS POLO BNG EN SINAL DE DOR E RESPECTO CON PORTUGAL  

O Bloque secunda as concentracións previstas en distintas cidades galegas en solidariedade co país veciño  

Prepara unha gran xuntanza con colectivos vinculados á ordenación do monte para defender outro modelo de ordenación forestal  



Infogauda / Santiago de Compostela

 Os concellos gobernados polo BNG colocan as bandeiras a media asta en sinal de respecto e solidariedade con Portugal, “o país irmá” que está a vivir momentos de dor e conmoción social, tras a traxedia que xa ten deixado 64 vítimas mortais. O municipio de Verín foi o primeiro en seguir esta proposta aprobada na reunión de onte da Executiva Nacional, nunha iniciativa que xa secundaron tamén os concellos de Rianxo, Cuntis (neste caso cun crespón negro),  e Tomiño.  

 A alcaldesa deste concello limítrofe con Portugal, Sandra González, salientaba a solidariedade de toda a veciñanza co país veciño, co que mantén estreitos lazos de colaboración mesmo compartindo servizos con concellos do outro lado do Miño.  

 “Como responsable dun concello transfronteirizo, que ademais se caracteriza por ese achegamento aos irmás de Portugal, quero expresar as miñas condolencias por este suceso tráxico que nos ten absolutamente perplexos”, indicou González, quen tamén instou a facer unha reflexión sobre a imprescindible ordenación do monte, “porque vexo Portugal ardendo, vexo Galiza e practicamente a mesma política forestal e penso que isto podería ter pasado aquí, e reclamar unha xestión forestal para o monte galego xa”.  

 A formación nacionalista tamén vai participar nas concentracións convocadas en diferentes cidades galegas para expresar o seu apoio ás familias das vítimas e ao conxunto da sociedade lusa, concentracións que pretenden ser tamén unha chamada de atención e unha petición contundente para mudar o actual modelo de ordenación do monte, pois as similitudes con Portugal evidencian ata que punto a política forestal da Xunta está indo na dirección equivocada.  

 Neste sentido, o BNG ultima unha xuntanza con diferentes colectivos, expertos, axentes sociais e sindicais vinculados á ordenación territorial, á  planificación do monte e á política forestal para poñer en común todas as propostas que permitan dar un xiro de temón no actual modelo, que está deixando como balance un rural abandonado, un monte desordenado e improdutivo e unha plantación incontrolada de eucaliptos.

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EXPÓN O MODELO PROVINCIAL DE MOBILIDADE AO SECRETARIO DA COMISIÓN DE URBANISMO DE MÉXICO  

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera instaron ao representante mexicano a realizar unha futura visita institucional para coñecer o Plan Revitaliza de compostaxe  

A  presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera reuníronse este martes día 20 de xuño, co secretario técnico da Comisión de Urbanismo do Senado de México, Fernando Cota Acuña
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra


 A  presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera reuníronse este martes día 20 de xuño, co secretario técnico da Comisión de Urbanismo do Senado de México, Fernando Cota Acuña, para expoñerlle o modelo de mobilidade sustentable que o novo goberno provincial está a aplicar na provincia e que se basea na recuperación do espazo público para as persoas en lugar de manter a prioridade para os vehículos. Así mesmo, os mandatarios provinciais instaron ao representante mexicano a realizar unha futura visita institucional para coñecer tamén de primeira man o Plan Revitaliza de compostaxe e ver a súa posible aplicación no territorio azteca.  

 Carmela Silva agradeceu a visita do representante do Senado mexicano, que está a traballar nunha nova lei de desenvolvemento urbano e mobilidade, e explicou que dende a Vicepresidencia da Deputación estanse a desenvolver moitos proxectos de mobilidade sustentable e segura á par dos concellos, respectando a súa autonomía, pero fomentando a filosofía de recuperar o espazo público para as persoas. “Queremos influír nos concellos para a aplicar un modelo que Pontevedra leva moito tempo desenvolvendo. Ás veces é difícil rachar reticencias, pero cando a xente ve o cambio na calidade de vida cando se toman este tipo de decisións, o convencemento é radical e confírmase que é o modelo a seguir. Só é unha cuestión de decisión política aplicalo”, subliñou Silva.  

 Pola súa banda, o vicepresidente provincial lembrou que a Deputación, dentro das súas competencias nas estradas provinciais, ten en marcha o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MOVESE) polo que se están a instalar máis de 600 redutores físicos de velocidade. Así mesmo, tamén puxo sobre a mesa o traballo coa filosofía de FrancescoTonucci de desenvolver ‘Cidades dos nenos e das nenas’. Neste sentido, Carmela Silva lembrou que o propio pedagogo italiano estivo na provincia para divulgar a necesidade de que as cidades e vilas estean deseñadas para os pequenos e pequenas, xa que así tamén o estarán para todos os adultos que os acompañan. “Varios concellos da provincia adheríronse a esta iniciativa e comparten unha posición e forma de entender as cidades”, subliñou a presidenta.   

 Fernando Cota, ante estas propostas, agradeceu a información sobre o traballo de Tonucci (do que levou varios libros) e recoñeceu que en México a nivel municipal existen bastantes reticencias sobre as cidades compactas e a mobilidade peonil. Neste sentido, explicou que na zona de Monterrei incluso se chegou a plantexar un recurso ao Tribunal Constitucional para seguir fomentando o modelo pro-automóbil con cidades de usos moi dispersos. “Cremos que ten que haber moitos cambios de mentalidade. A nova lei pretende ser moi prescriptiva e orientada cara á mobilidade sustentable e á mestura de usos residenciais, industriais e de servizos. Do contrario o pequeno comercio non sobrevive, xa que a vitalidade das zonas de usos exclusivos é moi limitada”, subliñou.   

 Tamén así o sinalou o vicepresidente Mosquera, que recoñeceu que pese a que nos últimos tempos volveu estar “de moda” deseñar cidades espalladas “é unha grande ameaza” para os territorios debido non só á necesidade de utilizar o coche para calquera xestión senón e á dificultade de supervivencia do comercio, senón ademais, ao esforzo económico que supón para as administracións prestar os servizos necesarios.  

 Universidade 

 Xa ao final do encontro entre os representantes provinciais e o representante do Senado mexicano incorporouse á reunión o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen lembrou o traballo en conxunto e o intercambio de profesores que se mantén coas diferentes universidades mexicanas.  

 Finalmente, o vicepresidente Mosquera interesouse polo estado da xestión dos residuos en México, que o azteca cualificou como “terrible”. Cota Acuña explicou que hai dez anos o seu país iniciou a recollida selectiva de lixo separando plástico, papel e resto nas zonas máis “pudientes” da federación, pero finalmente non está tendo os resultados agardados. “Temos moito que facer neste ámbito”, recoñeceu, polo que tanto a presidenta como vicepresidente provinciais convidaron ao técnico a trasladar aos representantes do seu país un novo convite para coñecer de primeira man o plan provincial sobre compostaxe que se está a aplicar en Pontevedra.  

 Este encontro na Deputación estivo motivado pola visita que Cota realizou a Pontevedra, previa á misión comercial que o Concello de Pontevedra realizará a México proximamente. Na reunión, de feito, estiveron presentes a primeira tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, e a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías.

LABORAL

A CIG toma as obras de ampliación da ponte de Rande para denunciar a explotación laboral e a fraude 

Nesta obra pública fanse xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura por 7 euros a hora

A CIG desenvolveu hoxe unha acción conxunta para denunciar as condicións laborais de explotación que padecen os operarios/as que traballan na ampliación da ponte de Rande


Infogauda / Chapela

 A CIG desenvolveu hoxe unha acción conxunta para denunciar as condicións laborais de explotación que padecen os operarios/as que traballan na ampliación da ponte de Rande, obra pública que acomete a UTE Dragados-Puentes. Coa ocupación dun dos carrís en construción, a central quere poñer de manifesto que se están a facer xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora, incluíndo todos os conceptos salariais, ademais da fraude á Seguridade Social e a Facenda que supón que non se computen todas as horas traballadas.

  Na acción, que se desenvolveu na banda de Moaña e durou pouco máis dunha hora, tamén tomaron parte traballadores/as e delegados/as sindicais de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense e Ferrol. Ao pouco de acceder a un dos carrís en construción, representantes da UTE formada por Dragados e Grupo Puentes puxéronse en contacto con responsábeis da CIG para fixar unha xuntanza na que analizar a problemática laboral que se vive nos traballos de ampliación da ponte de Rande, obra que depende do Ministerio de Fomento.  

 Está previsto que a reunión teña lugar a vindeira semana, e aínda que non se fixou unha data concreta a central propuxo que teña lugar o vindeiro martes. Nesa xuntanza a CIG porá enriba da mesa as condicións laborais dos operarios/as que traballan na ponte. En concreto, as xornadas excesivas de entre 10 e 12 horas nunhas condicións que supoñen un perigo para a súa integridade: nalgúns casos a 60 metros de altura e a pleno sol. “E todo isto con salarios de sete euros a hora, -incluíndo vacacións, indemnizacións, liquidacións e pagas extra-, moi por debaixo das táboas que marca o convenio colectivo”, denuncian. Ademais, advertirán sobre a importante fraude á Seguridade Social e a Facenda que se está a cometer. “Os soldos calcúlanse por horas a pesar de non estar permitido, e non se computan todas as horas que se fan”.

 Cumprimento da legalidade  

 Neste senso, critican que tanto a Administración pública como a autoridade laboral son coñecedoras desta situación, “mais non toman medidas ao respecto”, polo que lamentan o desamparo que vive o persoal que está a realizar as obras dunha concesión pública e sinalan que debera ser un exemplo de cumprimento da legalidade, “pero é todo o contrario”.  

 Ao mesmo tempo, censuraron que ás compañías non lles importe ter aos empregados/as traballando tantas horas a 60 metros de altura “co risco que iso supón para a súa seguridade”. Ao que hai que sumar que o Ministerio de Fomento está a urxir para que as obras rematen canto antes. “Se teñen présa, en lugar de someter os operarios/as a xornadas tan excesivas o que teñen que facer é contratar máis persoal”.  

 Lembraron que nestas obras creouse una comisión de control das condicións laborais e dos horarios, unha figura que deu certos resultados na construción do hospital de Vigo, pero no caso da ponte de Rande “axiña se viu que non había boa fe por parte da empresa, que non ten interese en arranxar os problemas”.  

 E iso a pesar de que, tal e como sinalaron, as condicións de traballo dos arredor de 300 traballadores/as da UTE están cada vez máis deterioradas e precarizadas. Finalmente reclamaron a actuación da Inspección de Traballo, xa que aínda que a lei actual permite que os excesos de xornada se compensen con días libres nun prazo de catro meses, “o certo é que non se comproba, e en todo caso a compensación chegaría cos contratos xa finalizados”.  

A GUARDA

O BNG consigue o acordo do pleno da Guarda para a mellora de prazas de residencia de maiores  

María Mercedes Martínez Vázquez (concelleira do BNG): “Para o BNG a falta de prazas e a lentitude na tramitación fan que se tarden anos en conseguir unha residencia preto da nosa localidade, a Xunta ten responsabilidade directa nisto”  

María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Corporación Municipal de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO conseguiu un acordo histórico do pleno guardés polo que se lle insta á Xunta de Galiza á creación de novas prazas para maiores, ven de afirmar María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Corporación Municipal de A Guarda.  

 Para o BNG a falta de prazas públicas na zona complica - segundo pon de manifesto María Mercedes Martínez - ás familias con persoas maiores en situación de dependencia, dado que a atención continuada destas persoas demanda dunha serie de gastos, que son inasumíbeis coas pensións que teñen en Galiza os nosos maiores.  

 “Non pode ser que despois de toda unha vida de traballo, a administración pública non lle dea a estas persoas unha vellez digna, cos coidados necesarios realizados por profesionais en instalacións axeitadas. Algo estamos facendo mal como sociedade e as administracións públicas teñen que ser sensíbeis a esta situación”, comentou a concelleira do BNG.  

 A moción do BNG tamén solicitaba á Xunta a axilización do proceso de entrada nas residencias, valoración do grao de incapacidade e resolución que non pase máis dun mes, proceso que practicamente está paralizado polo goberno do PP. 

 Tamén se solicita o respecto á zona de procedencia da persoa maior, fuxindo de traslados lonxe que tamén repercute na familia da persoa afectada.

CULTURA

A AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA CONVOCA O XXXI CERTAME DE POESÍA "FELICIANO ROLÁN"



Con arranxo ás seguintes bases:

1.- Poderán presentarse poetas de calquera nacionalidade, sempre que os traballos que concursen veñan escritos en galego ou castelán.

2.- Os traballos serán orixinais e inéditos e comprenderán poemas non premiados noutros concursos. O tema e a forma serán libres.

3.- Cada concursante remitirá un máximo de dous poemas que non deberán ter menos de 30 versos nin excederán dos 100 en cada poema.

4.- Os traballos presentaranse mecanografados a dous espazos e por unha soa cara, en folio e por quintuplicado. En plica pechada faranse constar os datos do autor así como o enderezo e número de teléfono. Os orixinais se remitirán ao seguinte enderezo:

Rúa de Galicia, 41, 2º
36780 A GUARDA (Pontevedra)


5.- Xulgará o presente premio un xurado constituído por membros da Agrupación Cultural Guardesa e persoas relacionadas co mundo das letras. A súa composición darase a coñecer ao emitirse o fallo.

6.- O fallo do xurado darase a coñecer a través dos distintos medios de comunicación, e comunicaráselle directamente aos gañadores.

7.- O Premio "Feliciano Rolán" de Poesía estará dotado con:

  PRIMEIRO PREMIO: 360 Euros e Placa
  SEGUNDO PREMIO: 120 Euros e Placa
TERCEIRO PREMIO: 60 Euros e Placa

A Agrupación Cultural Guardesa concederá un accésit si o considera oportuno segundo o acordado na Asemblea do 16 de abril de 2009.

8.- O prazo de admisión dos traballos pecharase o día 15 de xullo de 2017.

9.- Os Premios serán entregados nun Acto Cultural Poético que se celebrará  no Centro Cultural da Guarda nunha data que se comunicará posteriormente. Non poden ser declarados desertos.

10.- Non se manterá correspondencia sobre o concurso, e os traballos non premiados e plicas serán destruídos rematado o fallo do xurado.

11.- Os traballos premiados quedarán en poder da Agrupación Cultural Guardesa, que poderá publicalos cando o considere conveniente sempre mencionando ao autor.

12.- A participación neste concurso implica a aceptación das presentes bases, así como tamén a decisión do xurado para algún caso non previsto nas mesmas.

A Guarda, 15 de xuño de 2017

A AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA AGRADECE A PRESENZA DAS PERSOAS PREMIADAS OU UN REPRESENTANTE NO ACTO DE ENTREGA



Este Premio está Patrocinado polo EXCMO. CONCELLO DE A GUARDA
Colabora: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E COMISIÓN DAS FESTAS DO MONTE

TURISMO

CAMBADOS ACOLLEU A PRESENTACIÓN OFICIAL DA XXVII FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA DO CONCELLO DE A GUARDA

Que terá lugar no porto de A Guarda, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo

O alcalde de A Guarda presidiu o acto de presentación da XXVII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Redacción

 Este martes día 20 de xuño os xardíns do Pazo de Torrado en Cambados foi o escenario da presentación da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira que terá lugar no porto de A Guarda, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo.  

 Segundo informou a Oficina de Turismo Municipal do Concello de A Guarda “este ano escolleuse a vila pontevedresa de Cambados que foi declarada Cidade Europea do Viño 2017. Ademais cada ano achéganse centos de veciños e turistas de Cambados e dos seus arredores xa que é un público moi fiel á cita gastronómica coa que se da comezo o mes de xullo e as vacacións para moitos

A langosta, a raíña da festa, será servida cocida ou a plancha


 Neste fermoso espazo os establecementos colaboradores ofreceron unha mostra dos pratos e produtos que se poderán degustar nesta festa de recoñecido prestixio e un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia. 


Percebes do mar de A Guarda, navallas, zamburiñas, polbo á feira, croquetas, vieiras, empanadas, pementos do Rosal,..., son outras productos que tamén se poderán disfrutar cómodamente baixo unha carpa no Portiño Novo, de A Guarda

 Unha gran mesa acolleu as decenas de pratos como os percebes, nécoras, navallas, vieiras, croquetas e un longo etcétera ata os 20 pratos que se poderán degustar. Sen esquecer a raíña da festa - a langosta - da que se reparten uns 500 kg cada ano xa sexa á prancha ou cocida. Nesta edición os restaurantes da Guarda que participan son Casa Olga, O Cangrexal e Xeito.  


Viños Albariño e Rosal, da D.O., Rías Baixas, para unha perfecta maridaxe coas diferentes propostas gastronómicas da XXVII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

 Xunto aos restauradores estivo presente o da Adega Aldea de Abaixo, do veciño concello do Rosal, e que se estrean nesta edición co seus viños Gran Novás (albariño) e Señorío da Torre (Rosal) que contan coa Denominación de Orixe Rías Baixas

Tamén haberá variedade de sobremesas como a rosca de xema, tarta de Santa Trega, atalaias de froita, nécoras doces,...

 Outra novidade deste edición é a participación da Pastelería Montserrat de A Guarda que é a encargada das sobremesas, con produtos como a rosca de xema, tarta de Santa Trega, atalaias de froita, nécoras doces,..., entre outros saborosos postres. 

De esq. a der.: Xurxo Charlin Trigo, Fátima Abal Roma, Antonio Lomba Baz e Montserrat Magallanes Álvarez

 O acto comezou coa intervención de Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados, que agradeceu ao Concello de A Guarda a elección do pobo natal do poeta Ramón Cabanillas Enríquez como escenario da presentación desta festa gastronómica recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia

de esq. a der.: Fátima Abal Roma, Antonio Lomba Baz, Xurxo Charlín Trigo e Montserrat Magallanes Álvarez

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, continuou amosando aos presentes a importancia da festa para o municipio guardés e aproveitou para dar a coñecer as novidades da programación como é os pregoeiros de excepción - Bruxo Queiman e Andrea Pousa - para esta vixésimo sétima edición  que farán as delicias aos presentes co seu arte galego. 

 O alcalde guardés tamén destacou a actuación de María do Ceo que será a encargada de pechar esta edición coa Noite de Fado. Sen esquecer outra cita xa habitual na programación da festa como é a Travesía a nado Porto da Guarda que se celebrará a mañá do sábado, ou a feira de artesanía que se poderá visitar durante a fin de semana na rúa do Porto. 

Participantes no acto de presentación da da XXVII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

 No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Economía, Facenda, Comercio, Industria e Promoción Económica de Cambados, Xurxo Charlin Trigo e a concelleira de Turismo de A Guarda, Montserrat Magallanes Álvarez, responsable da organización desta festa gastronómica.

GOIÁN (TOMIÑO)

A AULA MUSEO ANTONIO FERNÁNDEZ, DE GOIÁN, SACA A ARTE Á RÚA 

ACTIVIDADES PARA TODO OS PÚBLICOS, CON VISITAS A ARTISTAS LOCAIS, FOTOGRAFÍA E OBRADOIROS DURANTE XULLO E AGOSTO

Aula-Museo Antonio Fernández, en Goián
Foto: C.T.

Infogauda / Goián

 A Aula-Museo Antonio Fernández, creada hai uns anos nas antigas escolas de Goián (Tomiño), organiza, por primeira vez, unha serie de actividades de verán, relacionadas coa arte, pensadas tanto para público adulto, coma infantil, con saídas á rúa e visitas a artistas locais (pintores, escultores, etc.), fotografía e obradoiros temáticos. 

 Ademais, a exposición titulada “Bosquexos, apuntes e debuxos” do recoñecido pintor goianés Antonio Fernández, poderá visitarse entre o 5 de xullo e o 31 de agosto.


 Con respecto ás actividades artísticas, os xoves 6 e 20 de xullo, e 3, 17 e 31 de agosto, ás 20.00 horas, celebrarase a “Ruta das Artes e Oficios”, con punto de reunión e saída na propia Aula. A primeira visita será á pintora Eulalia Jackson (6 de xullo), seguida do artesán Leandro e o seu taller de cerámica (20 de xullo); o escultor Magín Picallo (3 de agosto); Fundición Arte Bronce e Galería de Arte a+b (17 de agosto), e escultor Carlos Fernández (31 de agosto).  

 Tamén haberá dúas saídas para nenos (de entre 6 e 12 anos), os xoves 13 e 27 de xullo, de 11.00 a 13.00 horas. A primeira será unha ruta fotográfica e a outra  xirará arredor do tema “caderno de artista”.  

 Por último, os venres de xullo e agosto a Aula-Museo estará aberta de 10.00 a 14.00 horas, para acoller dous obradoiros: de Historia del Arte (adultos) e “Érase unha vez a arte” (nenos e nenas de 6 a 12 anos).  

 As actividades da Aula complementaranse co Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, que terá lugar o domingo 20 de agosto no Espazo Fortaleza.  

 As concellerías de Cultura e Mocidade coordinan conxuntamente o programa de actividades da Aula-Museo. Fátima Rodríguez, titular da última, explica que o obxectivo desta iniciativa é achegar a arte á veciñanza, a través dos propios artistas e artesáns locais, e brindar, ao mesmo tempo, unha alternativa de ocio e formación ás persoas, durante as vacacións de verán; especialmente a aquelas familias que traballan e teñen nenos e nenas en idade escolar.     

 Prazo de inscrición  

 Dende o día 15 de xuño están publicadas na páxina web do Concello as solicitudes para realizar a inscrición nesta actividade artística e tamén en todos os cursos e obradoiros destinados á mocidade/persoas adultas e/ou nas actividades deportivas, artísticas e campamentos de verán para a infancia (tomino.gal/veran-2017/). Ademais de realizar as inscricións on line, tamén pódese pasar pola OMIX (no edificio do antigo centro médico) e cubrir os impresos en formato papel, e achegar a documentación e autorizacións pertinentes.  

 Máis información en cultura@tomino.gal, www.tomino.gal ou chamando ao teléfono 986 622 001. As prazas son limitadas ata completar aforo.     

 Cursos gratuítos para a mocidade  

 Ademais dos obradoiros artísticos para nenos e nenas e adultos, haberá 11 propostas máis, 7 delas de balde, dedicadas á poboación moza. O Concello aposta para este tramo de idade en propostas máis arriscadas e novidosas como o Flayboard, Paddleboard, Esquí/Wakeboard, Kayak (estas catro son de pago); Iniciación á música electrónica, obradoiro de Coworking, Cociña saudable e Graffiti; cursos básicos de Xaponés e Lingua Italiana, etc. (gratuítas). 

 Información e inscricións: omix@tomino.gal ou www.tomino.gal/reacciona.