20 de xuño de 2017

A GUARDA

O BNG consigue o acordo do pleno da Guarda para a mellora de prazas de residencia de maiores  

María Mercedes Martínez Vázquez (concelleira do BNG): “Para o BNG a falta de prazas e a lentitude na tramitación fan que se tarden anos en conseguir unha residencia preto da nosa localidade, a Xunta ten responsabilidade directa nisto”  

María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Corporación Municipal de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO conseguiu un acordo histórico do pleno guardés polo que se lle insta á Xunta de Galiza á creación de novas prazas para maiores, ven de afirmar María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Corporación Municipal de A Guarda.  

 Para o BNG a falta de prazas públicas na zona complica - segundo pon de manifesto María Mercedes Martínez - ás familias con persoas maiores en situación de dependencia, dado que a atención continuada destas persoas demanda dunha serie de gastos, que son inasumíbeis coas pensións que teñen en Galiza os nosos maiores.  

 “Non pode ser que despois de toda unha vida de traballo, a administración pública non lle dea a estas persoas unha vellez digna, cos coidados necesarios realizados por profesionais en instalacións axeitadas. Algo estamos facendo mal como sociedade e as administracións públicas teñen que ser sensíbeis a esta situación”, comentou a concelleira do BNG.  

 A moción do BNG tamén solicitaba á Xunta a axilización do proceso de entrada nas residencias, valoración do grao de incapacidade e resolución que non pase máis dun mes, proceso que practicamente está paralizado polo goberno do PP. 

 Tamén se solicita o respecto á zona de procedencia da persoa maior, fuxindo de traslados lonxe que tamén repercute na familia da persoa afectada.

Ningún comentario: