20 de xuño de 2017

GALICIA

BANDEIRAS A MEDIA ASTA NOS CONCELLOS GOBERNADOS POLO BNG EN SINAL DE DOR E RESPECTO CON PORTUGAL  

O Bloque secunda as concentracións previstas en distintas cidades galegas en solidariedade co país veciño  

Prepara unha gran xuntanza con colectivos vinculados á ordenación do monte para defender outro modelo de ordenación forestal  



Infogauda / Santiago de Compostela

 Os concellos gobernados polo BNG colocan as bandeiras a media asta en sinal de respecto e solidariedade con Portugal, “o país irmá” que está a vivir momentos de dor e conmoción social, tras a traxedia que xa ten deixado 64 vítimas mortais. O municipio de Verín foi o primeiro en seguir esta proposta aprobada na reunión de onte da Executiva Nacional, nunha iniciativa que xa secundaron tamén os concellos de Rianxo, Cuntis (neste caso cun crespón negro),  e Tomiño.  

 A alcaldesa deste concello limítrofe con Portugal, Sandra González, salientaba a solidariedade de toda a veciñanza co país veciño, co que mantén estreitos lazos de colaboración mesmo compartindo servizos con concellos do outro lado do Miño.  

 “Como responsable dun concello transfronteirizo, que ademais se caracteriza por ese achegamento aos irmás de Portugal, quero expresar as miñas condolencias por este suceso tráxico que nos ten absolutamente perplexos”, indicou González, quen tamén instou a facer unha reflexión sobre a imprescindible ordenación do monte, “porque vexo Portugal ardendo, vexo Galiza e practicamente a mesma política forestal e penso que isto podería ter pasado aquí, e reclamar unha xestión forestal para o monte galego xa”.  

 A formación nacionalista tamén vai participar nas concentracións convocadas en diferentes cidades galegas para expresar o seu apoio ás familias das vítimas e ao conxunto da sociedade lusa, concentracións que pretenden ser tamén unha chamada de atención e unha petición contundente para mudar o actual modelo de ordenación do monte, pois as similitudes con Portugal evidencian ata que punto a política forestal da Xunta está indo na dirección equivocada.  

 Neste sentido, o BNG ultima unha xuntanza con diferentes colectivos, expertos, axentes sociais e sindicais vinculados á ordenación territorial, á  planificación do monte e á política forestal para poñer en común todas as propostas que permitan dar un xiro de temón no actual modelo, que está deixando como balance un rural abandonado, un monte desordenado e improdutivo e unha plantación incontrolada de eucaliptos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario