20 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EXPÓN O MODELO PROVINCIAL DE MOBILIDADE AO SECRETARIO DA COMISIÓN DE URBANISMO DE MÉXICO  

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera instaron ao representante mexicano a realizar unha futura visita institucional para coñecer o Plan Revitaliza de compostaxe  

A  presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera reuníronse este martes día 20 de xuño, co secretario técnico da Comisión de Urbanismo do Senado de México, Fernando Cota Acuña
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra


 A  presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera reuníronse este martes día 20 de xuño, co secretario técnico da Comisión de Urbanismo do Senado de México, Fernando Cota Acuña, para expoñerlle o modelo de mobilidade sustentable que o novo goberno provincial está a aplicar na provincia e que se basea na recuperación do espazo público para as persoas en lugar de manter a prioridade para os vehículos. Así mesmo, os mandatarios provinciais instaron ao representante mexicano a realizar unha futura visita institucional para coñecer tamén de primeira man o Plan Revitaliza de compostaxe e ver a súa posible aplicación no territorio azteca.  

 Carmela Silva agradeceu a visita do representante do Senado mexicano, que está a traballar nunha nova lei de desenvolvemento urbano e mobilidade, e explicou que dende a Vicepresidencia da Deputación estanse a desenvolver moitos proxectos de mobilidade sustentable e segura á par dos concellos, respectando a súa autonomía, pero fomentando a filosofía de recuperar o espazo público para as persoas. “Queremos influír nos concellos para a aplicar un modelo que Pontevedra leva moito tempo desenvolvendo. Ás veces é difícil rachar reticencias, pero cando a xente ve o cambio na calidade de vida cando se toman este tipo de decisións, o convencemento é radical e confírmase que é o modelo a seguir. Só é unha cuestión de decisión política aplicalo”, subliñou Silva.  

 Pola súa banda, o vicepresidente provincial lembrou que a Deputación, dentro das súas competencias nas estradas provinciais, ten en marcha o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MOVESE) polo que se están a instalar máis de 600 redutores físicos de velocidade. Así mesmo, tamén puxo sobre a mesa o traballo coa filosofía de FrancescoTonucci de desenvolver ‘Cidades dos nenos e das nenas’. Neste sentido, Carmela Silva lembrou que o propio pedagogo italiano estivo na provincia para divulgar a necesidade de que as cidades e vilas estean deseñadas para os pequenos e pequenas, xa que así tamén o estarán para todos os adultos que os acompañan. “Varios concellos da provincia adheríronse a esta iniciativa e comparten unha posición e forma de entender as cidades”, subliñou a presidenta.   

 Fernando Cota, ante estas propostas, agradeceu a información sobre o traballo de Tonucci (do que levou varios libros) e recoñeceu que en México a nivel municipal existen bastantes reticencias sobre as cidades compactas e a mobilidade peonil. Neste sentido, explicou que na zona de Monterrei incluso se chegou a plantexar un recurso ao Tribunal Constitucional para seguir fomentando o modelo pro-automóbil con cidades de usos moi dispersos. “Cremos que ten que haber moitos cambios de mentalidade. A nova lei pretende ser moi prescriptiva e orientada cara á mobilidade sustentable e á mestura de usos residenciais, industriais e de servizos. Do contrario o pequeno comercio non sobrevive, xa que a vitalidade das zonas de usos exclusivos é moi limitada”, subliñou.   

 Tamén así o sinalou o vicepresidente Mosquera, que recoñeceu que pese a que nos últimos tempos volveu estar “de moda” deseñar cidades espalladas “é unha grande ameaza” para os territorios debido non só á necesidade de utilizar o coche para calquera xestión senón e á dificultade de supervivencia do comercio, senón ademais, ao esforzo económico que supón para as administracións prestar os servizos necesarios.  

 Universidade 

 Xa ao final do encontro entre os representantes provinciais e o representante do Senado mexicano incorporouse á reunión o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen lembrou o traballo en conxunto e o intercambio de profesores que se mantén coas diferentes universidades mexicanas.  

 Finalmente, o vicepresidente Mosquera interesouse polo estado da xestión dos residuos en México, que o azteca cualificou como “terrible”. Cota Acuña explicou que hai dez anos o seu país iniciou a recollida selectiva de lixo separando plástico, papel e resto nas zonas máis “pudientes” da federación, pero finalmente non está tendo os resultados agardados. “Temos moito que facer neste ámbito”, recoñeceu, polo que tanto a presidenta como vicepresidente provinciais convidaron ao técnico a trasladar aos representantes do seu país un novo convite para coñecer de primeira man o plan provincial sobre compostaxe que se está a aplicar en Pontevedra.  

 Este encontro na Deputación estivo motivado pola visita que Cota realizou a Pontevedra, previa á misión comercial que o Concello de Pontevedra realizará a México proximamente. Na reunión, de feito, estiveron presentes a primeira tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, e a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario