AREEIRO RECOMENDA TRATAR AS ÁRBORES DANADAS POLOS TEMPORAIS PARA EVITAR A ENTRADA DE PATÓXENOS
Os técnicos da EFA sinalan que é imprescindible eliminar a coroa de palmas das palmeiras afectadas por picudo para evitar riscos persoais e materiais xa que hai risco de fácil desprendemento
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar hoxe un aviso fitosanitario extraordinario con motivo do temporal ‘Ana’, no que aconsella tratar canto antes as árbores danadas pola cicloxénese para evitar a entrada de patóxenos. Así mesmo, os técnicos advirten que hai importante risco de caída das palmas afectadas polo picudo, xa que se desprenderán con máis facilidade ao estar cargadas de auga e afectadas pola acción do vento, motivo polo que é preciso retiralas con urxencia.
Segundo se indica no aviso, os ventos e as precipitacións asociados á cicloxénese de onte, con rachas de ata 130-150 quilómetros por hora nalgunhas zonas da provincia de Pontevedra e choivas que acadaron os 160-177 litros por metro cadrado noutras, provocaron diferentes incidencias nas árbores: algunhas foron arrincadas de raíz pero outras sufriron rotura de pólas e rachos de diferente importancia. “As roturas e os rachos deixan exposta unha superficie de madeira irregular e tocos que poden favorecer a entrada de fungos patóxenos que comprometan a vitalidade da árbore”, apuntan, motivo polo que será necesario actuar sobre as superficies rachadas, limpando os rachos, eliminando os tocos e protexendo a madeira con cicatrizantes ou outros funxicidas.
Tamén haberá que actuar sobre as palmeiras moi afectadas polo picudo Rhynchophorus ferrugineus, pois a carga que supuxo a elevada cantidade de auga que caeu e a acción do vento farán que as palmas se desprendan con máis facilidade. Para evitar riscos persoais ou materiais, segundo os técnicos, “é imprescindible eliminar a totalidade da coroa de palmas -medida por outra banda obrigatoria para evitar a dispersión da praga- e nunca deixar os restos acumulados, senón enterralos a profundidade ou queimalos”.
Por outra banda, esta cicloxénese tamén provocou a caída de parte da froita de árbores como os cítricos. Dende a EFA indican que é necesario retirar a maior cantidade da froita que estea no solo, pois pode atraer a patóxenos oportunistas e tamén a diversas especies de moscas da froita, que este ano están a ser especialmente abundantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario