15 de dec. de 2017

OURENSE

Ourense abre as portas do reino suevo, coa maior exposición de Europa sobre este pobo

· Manuel Baltar dixo no acto inaugural que a mostra In tempore sueborum, que organiza a Deputación, "sitúa a Ourense á cabeza das grandes exposicións que definen a identidade dun territorio a través da difusión e a posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial".  

· A exposición, que permanecerá aberta desde hoxe e ata marzo de 2018, exhibe por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos.  

· O presidente da Xunta destacou que a exposición "amosa que Ourense forma parte da inmortalidade da historia e nos achega luz sobre o legado suevo -150 anos da nosa historia-, dunha época da que pouco se sabía e que agora comezamos a coñecer máis".  

· A exposición percorre tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V, reunindo a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.



Infogauda / Ourense

 Ourense abriu hoxe as portas do reino suevo coa maior exposición de Europa sobre este pobo, In tempore sueborum, organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense. Unha mostra que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualificou, no acto inaugural, como "a exposición que sitúa a Ourense á cabeza das grandes mostras que definen a identidade dun territorio, a través da difusión e posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial".  

 A exposición, que permanecerá aberta desde hoxe e ata o 4 de marzo de 2018, exhibe por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. Reúne a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.  

 Manuel Baltar dixo que estamos a falar "dunha exposición irrepetible e cargada de historia, armada de entidade política de seu: falamos dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí o primeiro Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia", e remarcou que esta magna exposición "faise posible nunha terra cunha xente, como os suevos, traballadores, creativos e emigrantes, con capacidade e valentía para amosar a milleiros de quilómetros da súa patria natal talento e decisión para converter en realidade proxectos persoais e colectivos".  

 O presidente da Deputación destacou que no ano 411 d. C. "creouse unha entidade política baixo a forma de reino, anos antes da constitución do primeiro reino visigodo en Aquitania. Este é un feito que adquire especial significación no contexto político que estamos vivindo en España, pois Galicia posúe argumentos históricos de peso e inequívocos da súa identidade, que funden as súas raíces hai máis de 1.600 anos".  

 Baltar expresou a importancia social e cultural de Ourense ao longo da historia, "un Ourense capital, daquela, do reino suevo, e que hoxe atesoura " méritos suficientes para optar a ser Capital Cultural Europea, celebrando en dous anos o centenario da Revista Nós, que da nome a unha xeración intelectual de primeiro nivel, da que tamén debemos presumir".  

 Asemade, o presidente provincial avanzou que en 2018 e 2019 "centrarémonos na Ribeira Sacra, ese enclave que conta coa maior xoia do período suevo que estamos a relanzar en San Pedro de Rocas, concello de Esgos", e anunciou que a vindeira edición da "Ourense ICC Week" incluirá na súa programación un seminario en Rocas sobre "O fenómeno rupestre en Europa: xestión, difusión e posta en valor dun patrimonio singular". E, nesta mesma liña, dixo que a Deputación de Ourense organizará en 2019 un congreso internacional sobre "A Ribeira Sacra e as orixes do monacato europeo", e que en colaboración co Bispado de Ourense, realizaranse traballos de prospección na igrexa de Santa María Nai na procura de evidencias arqueolóxicas "que, a ben seguro espertarán o interese internacional por esta cidade e esta provincia culturais por excelencia". "Retrocedamos, pois, -convidou Manuel Baltar- dezaseis séculos no tempo con esta exposición e honremos á nosa terra e antepasados con orgullo propio, orgullo de Ourense". 

 Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia destacou que esta exposición "amósanos que Ourense forma parte da inmortalidade da historia e nos achega luz sobre o legado suevo, 150 anos da nosa historia, dunha época da que pouco se sabía e que agora comezamos a saber máis". Núñez Feijoo dixo que os visitantes "non só verán nesta mostra pezas ou documentos, senón que poderán revivir os tempos remotos do noso Ourense e a nosa Galicia dos que nos antecederon", e agradeceu ao presidente Manuel Baltar e á Deputación de Ourense por esta mostra, "que nos recorda que todos somos eslabóns dunha cadea que une o noso pasado co noso futuro".  

 Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, dixo que estamos "diante da exposición máis ambiciosa de toda a Península Ibérica nestes momentos, unha aposta pola cultura con maiúsculas que pon a disposición de todos o legado histórico dos suevos". O bispo de Ourense, Leonardo Lemos, expresou o seu desexo que a mostra "contribúa a realzar un exercicio de memoria verdadeira, que hoxe máis ca nunca precisamos, porque estamos asistindo a novos relatos que tentan reconstruír unha nova historia sen fundamento na realidade". E o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, destacou o apoio da entidade "a iniciativas, que como esta, exercen un papel importante como dinamizadores económicos da nosa provincia".  

 Tres espazos expositivos  

 O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, explicou que a mostra estrutúrase en tres espazos expositivos, cada un dos cales acolle un bloque temático. Así, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" exhibe pezas que sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A igrexa de Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.  

 In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.  

 A mostra está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario