20 de dec. de 2017

OIA

S.O.S. MOSTEIRO CONVOCA A TODA A VECIÑANZA 

O PLENO DESTE XOVES DÍA 21 DE DECEMBRO, ÁS 19:00 H., PARA APOIAR A MOCIÓN PRESENTADA EN DEFENSA DO MOSTEIRO



Infogauda / Oia

 O mosteiro cisterciense de Santa María de Oia, vénse abaixo. O paulatino deterioro da cuberta do inmoble así o confirma, debido non soio a fenómenos atmoesféricos adversos, senón a inoperancia institucional que lonxe de adoitar ás medidas legais en defensa dese Ben de Interese Cultural (B.I.C.), semella consentir - os feitos así o indican -esa anómala situación.

 Desde que deixou de ser propiedade de un coñecido tudense, que procuraba - dentro das súas posibilidades - mantelo nas mellores condicions, ainda que tampouco se destacou por facer dese recinto un lugar que xerase sinerxias positivas en Oia e na comarca; ningún outro propietario amosou súa preocupación e seu mimo o mosteiro. Nin a Fundación Masaveu, nin o Banco Pastor, nin Vasco Gallega, nin Residencial Monasterio de Oia, S.A., actual propietaria desa xoia do monacato cisterciense.

 A decepción de moitos veciños de Oia e das comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño, non se poden algúns nin siquera imaxinar. Sobor de todo, logo de escoitar ou ler as grandes decraracions de intencions feitas no seu día por bustos parlantes, que andado o tempo, e visto o visto, quedaron en papel mollado.

 E en todo iso, a primeira institución pública que representa a tódolos galegos, semella non enteirarse do que acontece. Por iso, en base a inacción de uns e outros, os veciños de Oia decidiron crear S.O.S. Mosteiro - Plataforma en Defensa do Mosterio de Oia, e tentar darlle un xiro a preocupante situación.

 Logo da súa presentación pública, levaron o rexistro municipal de entradas do Concello de Oia, unha moción que será debatida na sesión plenaria que terá lugar este xoves, día 21 de decembro, ás 19:00 h.. 

 Nin que decir ten que tódolos veciños de Oia e dos concellos da contorna, están convocados a asistir a esa sesión, para que a tódalas institucions públicas - desde o Concello de Oia, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia - lles quede perfectamente craro que non van a continuar aturando máis desplantes, máis incompetencias, máis inaccions,...

  Deseguido reproducimos íntegramente o texto da moción presentada por S. O. S. Mosteiro:

 Xosé Antonio Rodríguez Alvarez, con D.N.I. (*)   en representación da Plataforma SOS Mosteiro solicita ao Pleno da Corporación do Concello de Oia se debata e se vote a seguinte:
  
MOCIÓN
  
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 SOS MOSTEIRO, plataforma en defensa do Mosteiro de Oia, formada por veciñas e veciños de Oia, testemuñas do continuo deterioro do cenobio, cansos das mentiras dos propietarios e  fartos de ver como se especula co patrimonio cultural, vémonos na obriga de denunciar -ao abeiro do disposto no artigo 5.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia-, a lamentable situación na que se atopa o Conxunto Histórico Artístico do Mosteiro de Oia.

  Artigo 5. Dereitos e deberes da cidadanía

3. Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, no cumprimento do previsto nesta lei, está lexitimada para actuar ante a Administración pública da Comunidade Autónoma en defensa do patrimonio cultural de Galicia.

 Declarado BEN de INTERESE CULTURAL (B.I.C) no ano 1931, o seu estado pódese cualificar de ruinoso, estado evidente, xa que o seu actual propietario impide as visitas públicas por cuestións de seguridade. A situación de parálise en canto a rehabilitación, aumenta exponencialmente o seu deterioro, e pon de manifesto o incumprimento da LEI DO PATRIMONIO CULTURAL DE GALICIA (LPCG) por parte do propietario na obrigación de protexer e conservar o patrimonio cultural galego (Artigo 32 LPCG).

  Artigo 32. Deber de conservación

 As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

 No ano 2004, o mosteiro pasa as mans da “Vasco Gallega de Consignaciones” actual  “Kaleido Ideas & Logistics”, no ano 2005 crean o proxecto “Residencial Monasteiro de Oia”. Nestes últimos anos evidenciase un mínimo de interese pola conservación do propio mosteiro a expensas do pelotazo urbanístico que hai de fondo. Os diferentes bandazos entre e o propietario e as diferentes administracións leva a unha parálise e unha situación de bloqueo total.

 Dende un comezo o proxecto que se intentou levar a cabo no Mosteiro e na súa contorna careceu das garantías suficientes de respecto polo Conxunto Histórico Artístico, e non considerou o disposto nas diferentes leis sectoriais. A falla dun servizo de abastecemento municipal e unha defectuosa rede de saneamento con capacidade para cubrir as necesidades dun proxecto de tal magnitude, pon en evidencia a viabilidade dun proxecto que alomenos amose un mínimo de respecto polo entorno. Todos estes atrancos fan de Residencial Mosteiro de Oia un proxecto insostible e imposible.

 O enquistamento na que está sumida a día de hoxe a desexable solución para poder ver axiña a rehabilitación do noso patrimonio monacal, chegou a unha situación límite non so, e fundamentalmente, pola máis que importante situación de deterioro arquitectónico, senón tamén pola sorprendente reclamación xurídico-patrimonial que o propietario do cenobio (Residencial Monasterio de Oia) lle presentou ó Concello en cuestión de falsas perdas económicas pola suposta inacción administrativa da Entidade Local, un exemplo máis do maltrato ós veciños e o Concello de Oia.

 Tras varios propietarios e proxectos frustrados, despois de 13 anos perdidos e ante imposibilidade por parte do actual propietario de salvar e por en valor o Mosteiro de Oia, ponse de manifesto unha única vía factible para a protección e o desfrute do noso mosteiro por parte de toda a veciñanza e todos os cidadáns, a expropiación e rehabilitación por parte das administracións competentes.

 Despois do exposto SOS Mosteiro, SOLICITA ao pleno do concello o debate e aprobación das seguintes propostas:
  
 Primeiro.- Apoio expreso a plataforma S.O.S. MOSTEIRO e o seu manifesto.
  
 Segundo.- Que poña en coñecemento ante as administracións competentes o incumprimento por parte do propietario da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
  
  Terceiro.- Que o Concello de Oia traslade a Xunta de Galicia o Acordo Plenario respecto da Moción e inste a Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o cumprimento do artigo 51 da Lei  5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

  Artigo 51. Interese social para os efectos da expropiación forzosa
1. É causa de interese social para os efectos de expropiación o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural.
2,3...
4. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.
  


En Oia,  Decembro de 2017.

(*) O nº do D.N.I. foi omitido pola Redacción de Infogauda

Ningún comentario:

Publicar un comentario