5 de dec. de 2017

GALICIA

Un conto dos Bolechas servirá para fomentar o voluntariado entre o alumnado de infantil e primaria 

• “Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias” é o título da guía que se presentou hoxe con motivo do Día Internacional do Voluntariado  

• Máis de 500 estudantes das catro provincias galegas que realizan diversas accións de voluntariado participaron no acto cos Bolechas e levaron cadansúa guía e o carné de “Voluntari@s de Honra” 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou e fixo entrega a escolares de educación infantil e primaria da guía Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias


Infogauda / Santiago de Compostela

 Con motivo do Día Internacional do Voluntariado que se conmemora cada 5 de decembro, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou e fixo entrega a escolares de educación infantil e primaria da guía Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias, un libro que busca sensibilizar a poboación infantil sobre os valores solidarios e a xustiza social.  


 O obxectivo é que os máis pequenos se comprometan e participen como axente xerador de cambios. Así mesmo, esta publicación ensínalles a detectar necesidades sociais e a identificar as causas que as provocan dun xeito ameno e divertido. O voluntariado é unha das formas de participación social máis relevante. É importante que a cativada se familiarice desde unha idade temperá coa acción social e cos beneficios que esta reporta a nivel individual e social. Os centros escolares, lugares de aprendizaxe formal pero tamén de transmisión de valores, constitúen un motor fundamental na súa evolución, de aí o esforzo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado por promover iniciativas neste eido e potenciar o papel dos escolares en actos coma este. 

 A guía dos Bolechas está pensada para o alumnado de 3 a 11 anos. Cada docente poderá axustar o seu contido aos tempos que crea convenientes, aínda que a proposta é realizala dentro dun marco (unha semana temática por exemplo) e materializalo nunha data como pode ser este Día Internacional do Voluntariado. Con esta guía preténdese que os contidos teóricos se materialicen cos axentes sociais activos e executores de ditas accións na realidade social: as Entidades de Acción Voluntaria. Así mesmo, pretende dar a coñecer entre os máis cativos a realidade do voluntariado e a súa acción social na nosa comunidade a través dos distintos programas operativos que se están a impulsar desde a Xunta de Galicia. 

 Día Internacional do Voluntariado 

 Hoxe réndese unha homenaxe especial a todas as persoas que traballan de xeito desinteresado para construír unha sociedade mellor e axudar a quen máis o precisa. Cómpre destacar que Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de participación xa que 40.000 persoas están implicadas en programas solidarios. 

 Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante 17 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que Os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento. 

 Nesta liña enmárcase a colección Guías, coa que diversas entidades, institucións ou asociacións transmiten valores esenciais e plasman contidos didácticos dun xeito ameno e divertido, perfecto para introducir novos coñecementos entre os escolares de infantil e primaria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario