18 de dec. de 2017

FORMACIÓN

FEAFES Galicia e a Deputación de Pontevedra clausuran o Proxecto Practicum VII con 4 insercións laborais 

• O Proxecto Practicum, do que se beneficiaron 20 persoas con enfermidade mental, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte deste colectivo. 

• No acto, que ten lugar mañá 19 de decembro ás 17:00, haberá una mesa redonda na que intervirán usuarios, empresarios  e profesionais de FEAFES Galicia para explicar as súas experiencias persoais neste proxecto.  



 Ana Escrigas Rodríguez / Vigo

 A delegación viguesa da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realiza este martes 19 de decembro a clausura da VII edición do Proxecto Practicum de formación laboral para persoas deste colectivo. 

 Ao acto, que ten lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), acudirán Digna Rivas, Deputada Provincial de Cohesión Social e Xuventude; Carlos López Font, concelleiro de Seguridade e Mobilidade; e Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de FEAFES Galicia. Estarán acompañados por empresarios, usuarios e representantes das asociacións coas que conta FEAFES Galicia na provincia de Pontevedra. 

 Durante o acto, realizarase unha mesa redonda na que se falará das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través do Proxecto Practicum, do mesmo xeito que se presentarán experiencias persoais de participación neste programa.  

 Neste senso, contaremos cos testemuños de usuarios que realizaron prácticas en empresas ou que lograron inserirse no mundo laboral a través do Proxecto Practicum, falará tamén un empresario colaborador no programa, e finalmente intervirá a técnico do Servizo de Intermediación Laboral de FEAFES en Vigo para presentar os resultados obtidos. 

 Proxecto Practicum 

 O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto.  

 As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor. 

 Da VII edición do Proxecto Practicum beneficiáronse un total de 20 usuarios que realizaron prácticas non laborais nas empresas Atendo, Casaplanta, Claro Sol, Freshcut, Frutas Nieves, Jardima, Juan Soñador, Norintegra, Rogelio Iglesias, Sacendi e Tallanumen.  Deles, 4 usuarios lograron inserirse no mundo laboral. 

 Saúde mental e inserción laboral 

 Segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar, en Galicia hai 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral.  

 Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo e unha formación axeitada é un tarefa fundamental que pretende impulsar FEAFES Galicia a través de proxectos coma este. Ó longo do 2016, en Vigo recibiron orientación laboral un total de 868 persoa, das cales 69 lograron acadar un emprego.    

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario