20 de dec. de 2017

A GUARDA

A iniciativa «Biblioteca Solidaria» recadou preto de 50 quilos de alimentos   

A concelleira de Cultura e a bibliotecaria municipal, coas voluntarias das asociacións San Vicente de Paúl Conrazones e os alimentos recadados na iniciativa «Biblioteca Solidaria»
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda logrou recadar preto de 50 quilos de alimentos na iniciativa «Biblioteca Solidaria», grazas á participación do medio centenar de persoas que se achegou ao espazo de ocio e lectura para escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros.   

 A concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, acudiu onte á Biblioteca para facer entrega das doazóns ás asociacións San Vicente de Paúl e Conrazones.  Lentellas, garavanzos, pasta, arroz e fariña, ademais de conservas variadas, xudías, aceite e doces de Nadal, foron os alimentos recadados na iniciativa solidaria, co obxectivo de que estes se dirixan ás familias que máis o precisen da Guarda e a súa contorna.   

 A campaña, que se levou a cabo co gallo do Día da Biblioteca, celebrouse entre o 24 de outubro e o 18 de decembro, co obxectivo de fomentar a lectura e a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos da sociedade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario