19 de dec. de 2017

A GUARDA

O CONCERTO DE PANXOLIÑAS ACHEGOUNOS O NADAL

No evento, organizado pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, a directora Marisilda Sánchez Lomba recibiu a homenaxe dos seus compañeiros e de todo o pobo guardés

Marisilda Sánchez Lomba - no centro da primeira fila - coa Agrupación Coral Polifónica de A Guarda
Fotos: D. M.


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Estamos no tempo do Nadal. Cada día que pasa fainos sentir máis preto a inminente Boa Nova. A que non deixa indiferente a ninguén. A que nos incita a tocar o pandeiro ou a zambomba e a cantar panxoliñas. O domingo pasado foi un deses días nos que o Nadal xa se sinte entre nos. Foi no Concerto de Panxoliñas que como é tradicional, organiza a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda. 

 E como é costume, o concerto tivo lugar no “auditorio” da igrexa parroquial. Ou para ser máis exactos, na igrexa parroquial propiamente dita. Porque como todos sabemos, A Guarda non dispón de un Auditorio municipal, e polo tanto, non queda outra que recorrer o párroco para poder celebrar do xeito máis digno posible, o Concerto de Panxoliñas e outros eventos o longo do ano.

 O evento foi presentado polo párroco Jesús García Villadóniga, que co seu habitual bon facer foi dando paso, de unha en unha, a cada unha das entidades particicipantes: 

· Grupo Antorcha
· Coro Cantábile
· Coro Cantábile Infantil
· Coro Infantil PP. Somascos
· Coro do Clube da Terceira Idade 
· Agrupación Coral Polifónica de A Guarda

 O programa do concerto foi fermoso, variado e ata emotivo. A simpatía dos picariños e a ilusión dos maiores fixo dese Concerto de Panxoliñas un magnífico xeito de felicitarnos ás Pascuas. De sentir a chegada, sen presa e sen pausa, de un Nadal, no que, como dixo o presentador, Deus fíxose Neno. 

 Panxoliñas en castelán, en francés, en galego e mesmo en inglés. En calquer caso, a música, unha vez máis, coa súa impronta de linguaxe universal.

 E foi precisamente nese concerto, onde María Casilda Sánchez Lomba (Marisilda), unha dama, unha señora - en toda extensión e na mellor acepción desta verba -, a que logo de toda unha vida adicada vocacionalmente á musica (catro anos dirixindo o Coro Parroquial de Gondomar, sendo súa nai, profesora nunha escola miñorana e ela unha moza; doce dirixindo o Coro Parroquial da Visitación de Camposancos, e máis de vinte e cinco anos, dirixindo - de xeito totalmente altruista, o igoal que nos devanditos coros -, a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda); recibiu o público agradecemento dos seus compañeiros coralistas, expresado por Charo Castro Lomba, en representación de tódolos compoñentes da Coral.

 Tamén o párroco Jesús García Villadóniga lle adicou a Marisilda unhas verbas de gratitude por todo canto leva feito pola Cultura musical do noso pobo. 

 E en nome do Concello e do pobo de A Guarda, a concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, tamén expresou o agradecemento á labor que viu desenvolvendo Marsilda, quen recibiu o agarimo e a simpatía, en forma de aplausos. de tódolos presentes que ateigaban a igrexa parroquial da vila.
  
 Na súa intervención, e como resposta as verbas que viñan de adicarlle previamente, Marisilda evocou a seus pais, que como dixo, foron os que desde moi noviña lle inculcaron o amor á música. E por iso toda súa vida ten estado. como ela relembrou, vencellada a esa arte. Desde cando eiquí non tiñamos conservatorio, con todo o sacrifizo que iso conlevaba, ata hoxendía, en que a realidade é outra, afortunadamente, máis favorable.

 Marisilda dixo tamén que como os anos non pasan en balde para ninguén, considerou que chegou o intre de deixar paso ás persoas xóvenes, e afirmou que a dirección da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda queda en boas mans.

 Como correspondía nunha oportunidade como esa, Marisilda recibiu sendas pracas de agradecemento que lle foron entregadas por Nati Lago Bargiela, compoñente da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e pola concelleira de Cultura. 

 Por certo, que Elena Baz Rodríguez, o tempo que agradeceu públicamente a colaboura do párroco, non soio por presentar este evento, senón por deixar que se celebre na igrexa parroquial, anunciou que en breve haberá novas sobor do desexado auditorio municipal para A Guarda.


Marisilda coas súas netas, en presenza do párroco e da concelleira de Cultura


 Nesta data tan especial, Marisilda recibiu tamén, por sorpresa, un ramo de flores e un agasallo que lle entregaron súas netas.

 Asemade, tódolos grupos participantes e tamén o presentador, recibiron candanseus agasallos entregados pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e polo Concello.

Marisilda Sánchez Lomba, dirixindo os coros participantes no Concerto de Panxoliñas, que interpretaron dous temas en conxunto

 O Concerto de Panxoliñas remataría coa interpretación en conxunto - por tódalas agrupacións participantes - de un  villancico popular e do Himno a Alegría, porque foi así como Marisilda quixo que rematase súa andaina a fronte da Agrupación Coral Polifónica de  A Guarda.


 Foi un xeito moi familiar e o mesmo tempo moi aberto, de recoñecerlle a Marisilda, á labor de toda unha vida a prol da música. E o mesmo tempo, de achegarnos un pouquiño máis o misterio e a maxia de un Nadal que desexamos sexa feliz para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario