23 de nov. de 2017

TOMIÑO

O mercado de Tomiño acolle a exposición sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia 

"Escenarios da Prehistoria para visitar", composta por 37 paneis fotográficos de Federico de la Peña, poderá visitarse ata o 10 de decembro

No acto de apertura participaron o autor das fotografías, Federico de la Peña, a concelleira de Patrimonio, Fátima Rodríguez, a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal
Foto: D.P.


Infogauda / Tomiño

 O Mercado de Tomiño acolleu onte pola mañá a apertura da inauguración "Escenarios da Prehistoria para visitar" nun acto que se iniciou cunha performance da artista tomiñesa Mercé de Rande. A mostra, composta por trinta e sete fotografías complementadas con debuxos e paneis explicativos, está concibida para amosar a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra. No acto de apertura participaron o autor das fotografías, Federico de la Peña, a concelleira de Patrimonio, Fátima Rodríguez, a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.  

 O deputado aproveitou para salientar "a sensibilidade do Concello de Tomiño para conservar o seu patrimonio e dalo a coñecer entre a cidadanía" e louvou especialmente a escolla do mercado como espazo de exposición asegurando que "é un espazo vivo e que se presta especialmente á convivencia e ás sinérxicas entre distintas actividades". Xosé Leal tamén lembrou que "esta exposición está directamente relacionada con unha das disciplinas que queremos poñer en valor neste Ano do Patrimonio, como é a preservación do patrimonio arqueolóxico, e que ademais está moi relacionado con Tomiño a través do xacemento do Monte Tetón." Precisamente o xacemento do Monte Tetón, formado polos petróglifos de Portaxes, conta con dúas fotografías na mostra. Estes petróglifos destacan por ser a segunda combinación circular máis grande de Europa. Está composto por dezaoito círculos e ten un diámetro de preto de dous metros e medio. A súa descuberta atribúese a un cura na década de 1950, e na actualidade conta coa declaración de Ben de Interese Cultural.  

 Hai que lembrar que esta exposición xa comezara a súa itinerancia o pasado ano no marco do Ano Castelao entroncado coa preocupación do artista polo patrimonio arqueolóxico e artístico do país. Unha preocupación que tivera o seu reflexo directo no seu álbum As cruces de pedra na Galiza, así como nos seus estudos sobre escudos, e na súa participación na 'Sociedad Arqueológica de Pontevedra', dedicada ao estudo e conservación dos elementos do noso patrimonio, así como a música e a poesía popular. No 2017, con motivo do Ano do Patrimonio a mostra segue a percorrer os concellos da provincia con tradición arqueolóxica para poñer en valor a súa riqueza neste eido. 

 As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio. Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.  

 En relación ao patrimonio do Concello de Tomiño, Xosé Leal tamén mencionou que desde o goberno local teñen solicitado varias axudas para rehabilitación e sinalización de diversos elementos patrimoniais ao abeiro da liña que o seu departamento provincial ten habilitada para este fin. De feito, o deputado lembrou que Tomiño ten aprobada no presente a unha axuda de más de 36.000 euros para a sinalización e equipamento do ecoparque do Monte Tetón. Leal, acompañado por Cristina Martínez, Fátima Rodríguez e Francisco Campo, tamén visitou o espazo Fortaleza en Couto Goián, onde se investiran máis de 10.000 euros en conservación e sinalización ao abeiro das mesmas axudas correspondentes ao exercicio 2016. Tamén no pasado exercicio e ao abeiro da mesma liña, se lle concederan máis de 5.500 euros para a instalación de paneis informativos en Fonte San Lourenzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario