4 de nov. de 2017

TOMIÑO

MOFA & BEFA CHEGAN A TOMIÑO CON “CRÁNIOS PRIVILEXIADOS” 

O ESPECTÁCULO FOI ESTREADO O PASADO MES DE OUTUBRO NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO EN OURENSE

Nesta ocasión é o turno do espectáculo “Cránios privilexiados” de Mofa & Befa
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa este sábado 4 de novembro ás 22:00 h. no Auditorio de Goián, coa súa programación “Outono Cultural”. Nesta ocasión é o turno do espectáculo “Cránios privilexiados” de Mofa & Befa, que foi estreado no FITO – Festival Internacional de Teatro de Ourense – e que xa percorreu algunhas localidades galegas, con grande acollida do público.  

 A obra explora os diferentes xeitos de pensar, e de como o xeito de pensar comunmente aceptado como “correcto” non ten por que albergar necesariamente a verdade. Unha chamada á visión crítica do ser humano, combinando con maxestuosidade a filosofía, a comedia e a crítica social. 

 Dende a Concellería de Cultura do Concello de Tomiño destacan a calidade da obra, e o esforzo que o Concello de Tomiño fai por facer accesible a oferta cultural ás persoas que habitan zonas rurais como Tomiño que, de non ser grazas a programas municipais como o “Outono Cultural”, terían que desprazarse a grandes cidades para ter acceso a espectáculos como este. Sinalan ademáis que o sábado é unha oportunidade de gozar de teatro de calidade a un prezo asequible, nunha obra na que as entradas chegaron a máis de 16 euros en varias localidades galegas, e que en Tomiño serán de 3€.  

 O programa “Outono Cultural” continuará o vindeiro sábado 18 de novembro cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Goián con motivo da celebración da festividade de Santa Cecilia, patrona da música.

Ningún comentario:

Publicar un comentario