17 de nov. de 2017

SANXENXO

A MELLORA INTEGRAL DE LUÍS ROCAFORT ENCARA A SÚA RECTA FINAL E ESTARÁ LISTA ANTES DO NADAL 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez indicou que hoxe quedarán finalizadas as beirarrúas ea partir do mércores comezaranse a plantar as árbores ornamentais 

A partir do día 27 instalarase a nova iluminación e o mobiliario urbano para rematar coa extensión do novo firme e a sinalización horizontal 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D. P.


Infogauda / Sanxenxo

 A mellora integral da avenida Luís Rocafort, en Sanxenxo ,encara xa a súa recta final e estará lista antes das festas do Nadal. Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, hoxe quedarán finalizados os traballos das beirarrúas e a vindeira semana colocaranse as árbores ornamentais para, a partir do día 27 instalar a iluminación e o mobiliario urbano e rematar coa extensión do novo firme e a sinalización horizontal.  

 Segundo indicou o responsable nacionalista, durante as últimas semanas os traballos avanzaron a bo ritmo e a climatoloxía permitiu colocar a baldosa e o bordiño da beirarrúa da última mazá da estrada, na parte máis próxima á glorieta. Tamén están xa instaladas todas as canalizacións de pluviais e fecais correctamente, e soterradas as redes dos servizos de telefonía e electricidade, que tiveron que ser coordinadas con Telefónica e Fenosa.  

 As obras que quedan por realizar consistirán funamentalmente en mellorar a apariencia final da estrada. O vindeiro luns agárdase recibir as árbores ornamentais que se instalarán na vía (52 xacarandas) para iniciar a súa plantación coa creación dos alcorques e a colocación dos correspondentes adoquíns.  

 A semana seguinte será a quenda da iluminación e o mobiliario urbano: colocaranse 64 luminarias de 7 metros de altura que terán un deseño propio para Sanxenxo, así como bancos, papeleiras ou elementos de ancoraxe de bicicletas, entre outros. Finalmente, e xa para rematar a actuación, procederase ao fresado e os saneos do firme actual e extenderase o novo aglomerado (cos correspondentes pasos de peóns sobreelevados), para despois realizar os marcados da sinalización horizontal. Estímase que estes últimos traballos, segundo asegurou o deputado Benítez, se realicen nun máximo de tres días hábiles se o tempo acompaña, non sendo preciso cortar a totalidade do tráfico na vía, xa que se fará por carrís individuais.  

 De forma preventiva e por se o prazo oficial ata o 31 de novembro non era suficiente para realizar os últimos axustes e retoques menores, a dirección de obra decidiu solicitar o pasado mes unha pequena prórroga para a actuación ata o 22 de decembro, xa que se produciran algúns retrasos motivados polas instalacións de Fenosa e Telefónica. Esta prórroga, que se todo segue segundo o previsto apenas necesaria para uns días, foi aprobada na Xunta de Goberno de hoxe.  

 “Nova forma de facer as cousas” 

 O deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou que o fin da reforma integral de Luís Rocafort, en Sanxenxo, vén a demostrar publicamente que a actuación ten unha grande calidade urbana e servirá para mellorar de xeito ostensible o tránsito peonil nesta vía estratéxica da vila, tanto para a súa veciñanza como para os milleiros de usuarios que se trasladan na época estival á zona. “Estamos moi satisfeitos coa calidade da obra. O resultado final avala o que sempre dixemos, que esa estrada situada no medio dun casco urbano tan importante como o de Sanxenxo merecía unha actuación singular e que marcase unha nova forma de facer as cousas. Sobre todo tendo en conta que hai que potenciar a preferencia peonil e das persoas nas obras que faga a Deputación”, subliñou. 

 Benítez tamén lembrou que en canto se remate a obra antes do 22 de decembro farase un acto de inauguración e despois o Concello terá que facerse cargo da estrada por medio dunha transferencia. 

 A obra de Luís Rocafort foi adxudicada á UTE formada polas empresas Nexia-Oresa, que presentou unha oferta de 1.256.062,74 euros. O actual goberno provincial decidiu modificar o proxecto anterior para a avenida por ter numerosas deficiencias e irregularidades e non abordar a totalidade da lonxitude da vía. Finalmente, no novo proxecto decidiuse ampliar o ámbito de actuación, renovar as canalizacións subterráneas e aumentar a calidade urbana de todos os elementos, ademais de instalar elementos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados e plataformas elevadas nos cruces) o que elevou o investimento considerablemente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario