A Xunta de Galicia presenta aos concellos un decálogo de actuacións que permitirán facilitar as accións de prevención sobre todo o territorio
Tanto Xunta como concellos poderán entrar ás parcelas sen limpar sen necesidade de orde xudicial e evitar demoras no procedemento
A administración expropiará os predios sen titular coñecido nos que os custos das limpezas subsidiarias reiteradas superen o valor catastral do terreo
Como medida cautelar contemplarase a incautación de madeira de plantacións ilegais
Para gañar en seguridade, adiántase ao 31 de maio o prazo de execución das obrigas de xestión de biomasa e retirada de árbores polos seus responsables
Agora tamén se poderán repercutir os gastos de extinción a propietarios que non cumpran coas rozas pertinentes ou coas distancias de seguridade
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García
Infogauda / Santiago de Compostela
Os conselleiros de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e outros representantes desta institución para presentarlles un decálogo de medidas que irán tomando forma a través da Lei de Medidas de Acompañamento. Deste xeito, tanto a Administración autonómica como os concellos poderán levar a cabo accións de prevención en todo o territorio con maior seguridade e respaldo xurídico.
Entre as modificacións lexislativas propostas establécese, por exemplo, que tanto a Xunta como os concellos terán a posibilidade de executar subsidiariamente a xestión da biomasa sen necesidade de consentimento das persoas responsables e sen autorización xudicial previa, como sucedía ata o de agora, agás nos casos de terreos nos que existan edificacións que teñan a condición de domicilio. Isto permitirá, polo tanto, unha actuación máis áxil da administración á hora de manter limpos os montes e núcleos urbanos e que non haxa parcelas sen limpar por desidia dos seus propietarios.
Ademais, as administracións poderán ir incluso máis aló, xa que se contempla a expropiación forzosa por incumprimento de xestión de biomasa. Isto sucederá cando, con motivo da reiteración nas execucións subsidiarias en terreos de titular descoñecido, o custe das accións de prevención cheguen a superar o valor catastral do terreo.
Para todo iso tamén é importante destacar que cando concorran razóns urxentes por grave risco para as persoas e os bens poderán delimitarse zonas de actuación prioritaria para a execución subsidiaria inmediata tanto por parte da consellería como dos concellos. Na lei actual e ata o de agora só se contempla esta execución subsidiaria inmediata nos supostos en que o incendio xa estea declarado.
A nivel administrativo outra vantaxe é a regulación para establecer que unha parcela ten usuario descoñecido. Este aviso farase a través da súa publicación no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia e nun prazo de 15 días farase efectiva a declaración.
Gastos de extinción
Por primeira vez, inclúese a repercusión dos gastos de extinción por falta de xestión da biomasa ou por incumprir as distancias de seguridade cando tales ilegalidades teñan dado lugar a incendios forestais ou agravado os mesmos. Deste xeito, contaremos cunha ferramenta máis para facer cumprir a normativa actual, ademais das sancións e os requirimentos.
Doutra banda, como medida cautelar poderase proceder á incautación de madeira (decomiso) procedente da execución subsidiaria de plantacións ilegais, permitindo que a administración poida vendela. Se o importe da madeira é superior ao custo da execución, os beneficios ingresaranse nun fondo específico que xere orzamento para a realización deste tipo de execucións subsidiarias. Deste xeito, os propietarios de plantacións ilegais non só se enfrontan á apertura dun expediente administrativo senón a perder os seus investimentos iniciais.
Gañar en seguridade
Neste decálogo no que se quere implicar aos concellos e tal e como se lle trasladou hoxe a través da Fegamp, inclúese a prohibición de plantar especies pirófitas como acacias, piñeiros ou eucaliptos, na totalidade da faixa de 50 metros das redes secundarias (nos últimos cambios que se querían aplicar na lei de medidas diferenciábase distintas zonas). Si se admiten, en cambio, especies caducifolias frondosas ou froiteiros. “A idea é facer arredor dos núcleos urbanos corredores verdes que nos protexan e poidan frear un incendio”, declarou a conselleira tras o encontro desta mañá.
Tamén para gañar en seguridade, adiántase ao 31 de maio o prazo de execución das obrigas de xestión de biomasa e retirada de árbores polos seus responsables, cando ata o de agora era o 30 de xuño. Así mesmo, a conselleira tamén sinalou outras medidas que se poñerán en marcha en breve como a inclusión nas redes primarias de xestión de biomasa de subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións, así como a inclusión nas faixas secundarias aquelas vivendas illadas en solos rústicos a máis de 400 metros do monte.
Urxente aplicación
Toda esta batería de medidas foron presentadas hoxe á Fegamp coa intención de que aporten as súas propostas e emendas á Lei de Medidas de Acompañamento. Faise a través desta ferramenta para así poder incorporar canto antes estes cambios e, polo tanto, aplicar as medidas de xeito case inmediato.
“Moitas delas afectan directamente aos concellos e por iso quixemos explicarllas de primeira man”, declarou o vicepresidente da Xunta, co obxectivo de abordar de xeito conxunto todo o que ten que ver a prevención de incendios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario