1 de nov. de 2017

GALICIA

A XUNTA DE GALICIA INFORMA AOS CONCELLOS AFECTADOS DA ORDE DE AXUDAS PARA A REPARACIÓN DOS DANOS CAUSADOS POLA VAGA DE LUMES   

· Os delegados territoriais da Administración autonómica están a manter reunións cos representantes municipais e explicaron o destino dos case 21 millóns habilitados 

· Máis de 11 millóns adicaranse a subvencións e 9,8 a actuacións directas de varias consellerías do Goberno galego   

Reunión dos delegados territoriais cos representantes municipais para informarlles das axudas polos lumes
Foto: X. G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia vén de informar aos concellos afectados da orde de axudas para a reparación dos danos pola vaga de lumes. Durante todo o día de onte os delegados territoriais da Administración autonómica en Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo están a manter encontros cos alcaldes afectados para detallarlles a orde de axudas publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as actuacións directas previstas, que suman no seu conxunto un investimento de case 21 millóns de euros.  

 A orde establece as bases reguladoras das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.  

 Mediante esta Orde, que prevé un investimento de máis de 11 millóns, desenvólvese o Decreto e facúltase ás consellerías e as entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións e medidas necesarias para a súa aplicación.  

 A orde estrutúrase en oito capítulos que se corresponden coas consellerías que teñen atribuída a competencia para a convocatoria e resolución das axudas, que son a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Facenda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda (Instituto Galego da Vivenda e Solo), a Consellería de Economía, Emprego e Industria (a través do Instituto Galego de Promoción Económica), a Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte.   

 Ademais, a Xunta de Galicia investirá 9,8 millóns en actuacións directas das consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Economía, Emprego e Industria e Infraestruturas e Vivenda, co obxectivo de reparar os danos causados polos lumes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario