Aprobada a moción do BNG sobre a lei de áreas sanitarias
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda: “A moción solicita a posta en marcha un plan de Mellora de Atención Primaria de grande importancia para A Guarda”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG
Foto: BNG
Infogauda / A Guarda
O pleno da Guarda aprobou por maioría a moción presentada polo BNG na que se solicitaba un cambio na política sanitaria da Xunta. A moción foi aprobada co voto en contra do PP.
A moción solicitaba a retirada do anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Galiza, dado que esta modificación vai provocar máis deterioro na sanidade pública, consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico sobre as necesidades dos usuarios e usuarias e afecta negativamente á calidade asistencial.
Outra das reivindicacións é a posta en marcha dun plan de Mellora de Atención Primaria, como porta de entrada ao sistema sanitario, sendo un elemento chave para o sistema sanitario público galego.
“Falamos de dotar aos centros de Atención Primaria con recursos económicos, técnicos e humanos. Hoxe o PAC da Guarda ten graves carencias: dende o mantemento do edificio até a falta de servizos básicos como Radioloxía, deficiencias no servizo de Urxencias ou unha ambulancia medicalizada que nos garanta os traslados urxentes”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.
“O BNG - engade o concelleiro nacionalista - considera que o actual estado do PAC da Guarda é resultado da falta de compromiso dos sucesivos Gobernos do PP na Xunta e da inacción do Goberno municipal do PSOE”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario