3 de nov. de 2017

A GUARDA

Música, solidariedade e moita cultura para gozar da fin de semana na Guarda   


Infogauda / A Guarda

 Esta tarde comezaremos a dar a benvida á fin de semana con música e cultura na Guarda, celebrando o vixésimo aniversario da creación da asociación Avelaíña e o inicio das «Barferencias de Inverno 2017/2018».  

 A asociación guardesa de axuda a persoas con enfermidades mentais conmemorará as súas dúas décadas de vida cunha festa aberta ao público na Alameda, onde  actuarán os grupos Perseide e ‘Qué Panorama’ de Avelaíña, amais do DJ Aser. A festa de aniversario comezará ás 17:00 horas e agasallará aos asistentes cun chocolate quente de balde.  



 Xa pola noitiña, poderemos gozar da nova tempada de faladoiros informais polos bares da nosa vila. A primeira «barferencia» terá lugar  no local Arruaz ás 20:30 horas, co Padre Baltasar Merino como protagonista.  O presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla Castro, será o encargado de guiar a charla sobre o botánico e meteorólogo xesuíta cuxo centenario de pasamento se conmemora este 2017, centrándose no seu libro «Estudio sobre las Borrascas de la Costa Occidental de Galicia (1893)».  


 A Comunidade de Montes de Camposancos, pola súa parte, celebrará mañá unha nova sesión de «Música e palabras» na Casa Cultural da parroquia guardesa. Esta é unha actividade na que todas aquelas persoas que o desexen poderán participar coa lectura dun texto literario -clásico ou propio-,  tocando un instrumento ou, simplemente, acudindo como público da xornada cultural.  


 Mañá tamén será o derradeiro día para experimentar a mostra «Proxecto táctil» no Centro Cultural. Para percorrer esta exposición convídase ás e aos participantes a facer uso de antefaces para percibir as obras unicamente coas súas mans. Ao ter que ‘ver’ as obras sen facer uso do sentido da vista, pódese experimentar a forma en que as persoas cegas perciben os obxectos.  A exposición permanecerá aberta no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 h e de 17 a 20 h de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.  


 A fin de semana terá tamén un carácter solidario na nosa vila coas actividades organizadas pola asociación Conrazones de axuda a familias e persoas en situación de extrema necesidade. Mañá a partir das 17:00 horas  a entidade celebrará unha xornada de portas abertas e un magosto amenizado por el grupo O Trebón dos Xidos na escola de Sete Camiños. O domingo, a Alameda da Guarda acollerá un mercado solidario a favor dos usuarios da asociación, a partir das 10:00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario