17 de nov. de 2017

A GUARDA

Gastronomía, cultura e homenaxe á «Marea Branca»: protagonistas da fin de semana na Guarda  



Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda ofrece esta fin de semana bo número de actividades para gozar do tempo de lecer na nosa vila. Así, hoxe comeza a ruta “Petiscos con Arte” e á noitiña poderemos desfrutar do mellor cine  dramático coa proxección de «Sully». O sábado terá lugar unha charla sobre alimentación saudable para mulleres e, o domingo, organízase unha sentida homenaxe á «Marea Branca», coincidindo co décimo quinto aniversario do afundimento do Prestige.   

 Gastronomía, arte e cultura 

 Este mediodía  comezou a nova ruta gastronómica «Petiscos con arte», na que participan os seguintes establecementos hostaleiros: Cafetería Alameda, Cafetería Art Café, Tasca As Pozas, Xamonería Avenida, Bocatería Brétema, Bar Cramoeiro, Cafetería Kanellas, Tapería La Casilla, Restaurante La Pizzicata, Bocatería Marbella, Cafetería Novo Bar, Restaurante O Cangrexal, Vinoteca Terra Verde, Restaurante Xantar e Restaurante Xeito. En todos eles poderemos probar pequenas degustacións da nosa gastronomía a un custe único de 1,50 € (bebida non incluída), mentres contemplamos as exposicións de obras pictóricas, escultóricas e fotográficas de diversos artistas locais e da contorna.  

 A ruta poderá completarse nestas dúas últimas fins de semana de novembro, de venres a domingo, e en horario de 12 a 14 h e de 18 a 21 h. Entre todos os participantes sortearanse 5 lotes de albariño Gran Novás, adega colaboradora na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. 


 Esta noitiña, ademais, poderemos gozar dunha nova entrega do  ciclo  “Cinema de outono”, coa proxección da película «Sully» no Centro Cultural. Trátase dun drama baseado na historia real do piloto aéreo Chesley «Sully», convertido en heroe no ano 2009 tras lograr unha aterraxe de emerxencia sobre o río Hudson. A cita será ás 21:00 h.


 Mañá sábado temos unha nova charla dentro do ciclo «Cóidate, muller!», organizado pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Nesta ocasión, contaremos coa intervención da Técnica Superior en Dietética, Conchi Adrover Pacheco, que falará sobre«Alimentación saudable para mulleres», a partir das 20 h no Centro Cultural. 

 Homenaxe á Marea Branca 


 Como remate ás actividades programadas durante a fin de semana, este domingo celebrarase unha homenaxe aos voluntarios da «Marea Branca», que fai agora quince anos axudaron a limpar as nosas costas tralo afundimento do petroleiro Prestige. Ás 12:30 h, no Mirador de Fonte Quente - Estrada de Circunvalación - , encontrarémonos co alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; o membro de Greenpeace e voluntario, Alejandro Vilela; e o autor do monumento e impulsor da iniciativa, Xabier Garrido.   

 Por motivos de saúde, a intervención do ex-patrón maior da Confraría de Baiona (Suso López) anunciado inicialmente, será substituído polo presidente da asociación medioambiental ANABAM, Agustín Ferreira Lorenzo.  

 O acto acompañarase coa interpretación de varias pezas a cargo dos grupos O Trebón dos Xidos e A Boalleira, e coa exposición dunha pancarta elaborada polos alumnos de terceiro curso de primaria do CEIP As Solanas, baixo a coordinación da mestra Olga Rodríguez Vicente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario