A Guarda celebra a súa primeira Feira de Emprego e Formación
Os días 5, 6 e 7 de outubro na Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
A Guarda acolle a súa primeira Feira de Emprego e Formación “Imaxinactívate”, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de outubro na Casa dos Alonso, cun amplo programa de obradoiros, charlas e mostras orientados ao emprendemento e á mellor empregabilidade das persoas con ideas de novos negocios ou en busca dunha nova filosofía de traballo.
No acto de presentación das xornadas contouse coas intervencións do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, o concelleiro de Formación e Emprego, Manuel Javier Crespo González, a técnica de Xuventude, Patricia Cuña, e a formadora e psicóloga social, Susana Rodríguez.
Inspiración e motivación
Segundo explicou o rexedor local, a feira contará con diferentes actividades dirixidas principalmente a persoas con perfil emprendedor ou en busca de emprego, que poderán inscribirse nos distintos obradoiros ou participar nas charlas abertas. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de coñecer modelos de negocio existentes na Guarda durante a xornada do sábado, cando se celebrará a “Feira de empresas locais: novas ou con trazo distintivo”, entre as que se atoparán firmas de arquitectura, enxeñería ou economía social. “Isto é moi interesante, porque ofrece unha fotografía da situación do emprendemento na nosa vila e poden animar e dar exemplo”, asegurou Antonio Lomba.
Manuel Javier Crespo, pola súa parte, salientou a variada e completa programación coa que conta o evento, con especial referencia á inclusión da temática sobre as novas formas de traballo colaborativo e a cuestión do financiamento, esencial para o inicio de todo novo proxecto. Esta feira nace, segundo explicou o concelleiro, coa intención de converterse na primeira dunha serie de eventos anuais que “permitan continuar traballando nesta liña, dando a coñecer as empresas da localidade e fomentando a formación e o emprego”.
A Guarda recibirá a relatores “de primeiro nivel que acoden motivados pola importancia destas xornadas”, asegurou Susana Rodríguez, especialista en desenvolvemento persoal e relatora nesta primeira edición da feira. “Animo a todas as persoas que teñan ilusión a que se enganchen, que investiguen sobre os profesionais que imparten as charlas e talleres e convenceranse de de que vale a pena acudir”, sentenciou a formadora.
Non só se dirixe a persoas con intención emprendedora, senón a “todas aquelas que desexen adquirir novos coñecementos e perspectivas laborais”, segundo expuxo a técnica de Xuventude do Concello guardés.
Programación do evento
O acto inaugural desta primeira edición da feira será ás 18:30 horas deste xoves 5 de outubro, se ben xa durante a mañá e primeira hora da tarde se impartirán os primeiros obradoiros. Así, a consultora de recursos humanos Sonia Fernández estreará as xornadas co taller “Financiamento para emprender. Público e privado”, entre as 10 e as 14 horas do xoves, no que contará coa intervención do Grupo de Desenvolvemento Rural, GDR14.
A xornada continuará pola tarde co taller sobre “Coaching e xestión emocional” ofertado por Susana Rodríguez entre as 16 e as 18 horas e, xa ás 18:30 horas, se celebrará o acto inaugural. A actriz e contacontos Bea Campos será a encargada de achegar ao público, cun toque humorístico, a esencia destas xornadas e, de seguido, a coach Raquel Pedrouso ofertará o seu obradoiro sobre “Coworking e formas de traballo colaborativo”.
A aproximación ao marketing dixital virá durante a mañá do venres da man do formador e asesor José Fonterosa, cuxo obradoiro terá un horario de 10 a 14 horas. O taller “Coaching e emprego”, ás 16 horas do sábado, será unha continuación do xa ofertado pola psicóloga social Susana Rodríguez na tarde do xoves, e a ela seguiraa unha charla sobre emprendemento feminino protagonizado por Eva Carreira, emprendedora artesá a través da súa empresa “Zoclos, zuecos de Galicia”, a partir das 18:30.
Preto das 19:15 horas tomará o testemuño o comunicador, consultor e docente Roberto Pérez, coa súa charla sobre “motivación par a creacións de start ups”, namentres o sábado, derradeiro día da feira, poderedes participar na charla motivacional titulada “Contigo hai futuro” dirixida por Pablo G. Fortes, especialista en xestión e desenvolvemento de habilidades. Tamén o sábado será posible visitar unha pequena mostra do tecido empresarial guardés, con expositores e a celebración dunha mesa redonda na que presentarán os seus distintos modelos de negocio.
Para acudir aos obradoiros é necesario inscribirse previamente no formulario dispoñible na páxina web www.imaxinactivate.com, acudindo á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), no teléfono 986 61 45 46 ou enviando un correo electrónico á dirección informacion@aguarda.es. As charlas e a mesa redonda das empresas locais, pola súa parte, serán de acceso libre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario