24 de out. de 2017

A GUARDA

A totalidade do alumnado dos colexios da Guarda visita a exposición «Proxecto táctil»   

A artista e investigadora Iria Vázquez é a encargada de guiar aos cativos e cativas pola mostra, introducíndoos no universo da arte táctil
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alumnado ao completo dos cinco centros de educación primaria da Guarda e do Centro de Educación Especial San Xerome Emiliani visitará ata o próximo luns a exposición «Proxecto táctil» no Centro Cultural.   

 A artista e investigadora Iria Vázquez é a encargada de guiar aos cativos e cativas pola mostra, introducíndoos no universo da arte táctil. Uns antefaces fan que os pequenos espectadores perciban dun xeito alternativo as obras, facendo uso unicamente das súas mans e a súa imaxinación. 

Foto: C.A.G.

 Un grupo de alumnas e alumnos do CEE San Xerome foi o encargado de estrear a exposición xa na súa inauguración, o pasado xoves 19 de outubro. Un segundo grupo do centro poderá gozar dela a próxima semana, despois da visita dos rapaces e rapazas do CPR San José-Hermanas Carmelitas, que se achegarán ao Centro Cultural durante a mañá do luns.   

 O alumnado do CEIP As Solanas, pola súa parte, encheu onte a sala da exposición, namentres  esta mañá foi a quenda dos cativos e cativas do CEIP Manuel Rodríguez Sinde. As visitas escolares continuarán este xoves e o venres, co alumnado do CEIP A Sangriña e o CPR PP. Somascos, respectivamente.    

 Sobre a exposición 

 Unha decena de creadoras da Facultade de Belas Artes e da escola de moda ESDEMGA son as autoras da decena de obras que compoñen esta exposición, coa que se pretende explicar como ‘ver’ coas mans cun duplo obxectivo: o de permitir que as persoas con discapacidade visual accedan á arte contemporánea de xeito normalizado e o de concienciar ao conxunto da poboación sobre as necesidades das persoas cegas.  Ao ter que ‘ver’ as obras sen facer uso do sentido da vista, pódese experimentar a forma en que as persoas cegas perciben os obxectos.  «Proxecto táctil»  está comisariada pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García e impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa ONCE. Nesta ocasión, e a diferenza doutros proxectos cuxas pezas son creadas para ser tocadas, a comisaria elixiu obras que xa estaban realizadas pero que se adaptaban á idea de «ser táctiles» pola multiciplidade de texturas e materiais. 

 A exposición permanecerá aberta ao público ata o próximo 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10:00 a 13:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario