29 de set. de 2017

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA IMPULSOU CON 48.300 EUROS A REDE DE TÉCNICOS DE EMPREGO NA COMARCA DO BAIXO MIÑO    

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de anunciar unha nova orde de axudas neste senso que destinará 3,2 millóns de euros para a contratación  de axentes de emprego e desenvolvemento local en 2017 

· O obxectivo desta medida, que forma parte da Axenda 20, é favorecer nos municipios a promoción da actividade empresarial e colaborar coas asociacións que máis o precisan para a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión  

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Xunta de Galicia impulsou con 48.300 euros a rede de técnicos de emprego que permitiron a contratación de 5 axentes na comarca do Baixo Miño o pasado ano.  

 Deste xeito, contaron cun axente de emprego e desenvolvemento local os concellos de Tui, A Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño.  

 O responsable territorial apuntou este dato co galo do anuncio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da publicación da nova orde para este ano que destinará 3,2 millóns de euros ao impulso da Rede de técnicos de emprego de Galicia apoiando a contratación e o mantemento dos 264 axentes que na actualidade forman esta infraestrutura especializada na promoción do emprego. 

 Esta iniciativa ten como obxectivo contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.  

 O Goberno galego, dunha banda, destinará 2,2 millóns para apoiar nos concellos galegos a contratación ou prórroga dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.   

 Tal e como explicou Cores Tourís, “o traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural”. A contía máxima dos apoios que se conceden por cada axente é de 27.046 euros anuais.   

 Para a resolución destas axudas tense en conta a media de paro rexistrado no ano 2016 no concello que solicita o apoio. Na actualidade, existen en Galicia 224 AEDL.  

 Outra das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.  

 Entidades sen ánimo de lucro 
 A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dedica un millón de euros ás entidades sen ánimo de lucro para apoialas na contratación ou mantemento dos axentes de emprego e unidades de apoio que colaboran na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A contía que reciban as asociacións dependerá do número de persoas contratadas e do período. O ano pasado con esta convocatoria de axudas apoiouse a contratación de 32 axentes de emprego e 8 unidades de apoio en 15 entidades.  

 O impulso da Rede de técnicos de emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. 

 Atendendo ás principais demandas dos seus traballadores, a Xunta está reforzando o seu labor e na actualidade ten en marcha tres comisións de traballo centradas nos ámbitos da formación, simplificación administrativa e optimización das ferramentas informáticas.  

 O impulso da rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento, con especial atención ao rural, que está realizando a través do Plan de formación e emprendemento no rural a Unidade Galicia Emprende ou a través da plataforma Doing Business, iniciativas ás cales se sumará a futura Lei de implantación empresarial, que comezou a súa tramitación no Parlamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario