17 de set. de 2017

A GUARDA

A Deputación de Pontevedra entrega máis de 43.000 pezas ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega 

Carmela Silva subliña que a institución provincial está a concluír o proceso administrativo para adxudicar a consolidación e restauración das estruturas arquitectónicas atopadas

Vista parcial do interior do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT)
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a entrega de máis de 43.000 pezas de restos arqueolóxicos procedentes da escavacións do Barrio de Mergelina ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT). 

 En total son 175 caixas que conteñen os 43.832 fragmentos atopados nas escavacións de máis de 2.500 m2 no Barrio Mergelina, dentro do Castro do Monte Santa Trega. Segundo subliñou a presidenta da Deputación as escavacións amais das máis de coirenta mil pezas de cerámica, metais e líticos descubriu nesta zona 43 estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e permitiu datar a ocupación do castro dende o s. IV a. de C., cando ata agora falabamos dos séculos I  a. de C. ou o século I d. C. 


Esas son algunhas das 175 caixas que conteñen os 43.832 fragmentos atopados nas escavacións de máis de 2.500 m2 no Barrio Mergelina, dentro do Castro do Monte Santa Trega
Foto: D. P.

 Os traballos de escavación realizáronse entre os meses de setembro de 2015 ate marzo de 2016 e, dende ese momento, as labores feitas no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), situado no Pazo Liñares en Lalín, permitiron a identificación, o lavado, restauración e inventariado  dos 43.832 fragmentos.  

 En total foron 221 pezas as debuxadas, 442 fotografadas, dez metais tratados e reconstruíronse seis ánforas das cales dúas están case que completas. Amais, nos últimos meses, traballouse na preparación e embalaxe dos materiais para o seu traslado ao MASAT.  

 Por último, Carmela Silva tamén anunciou que a Deputación está a concluír o proceso administrativo para adxudicar os traballos de restauración e consolidación das 43 estruturas das vivendas e dos muros para evitar o seu deterioro. A presidenta subliñou que este proceso pode concluír en pouco máis dun mes e medio.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario