10 de xul. de 2017

OIA

O "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra destina preto de 90.000 euros a novos investimentos en Oia 

A institución provincial leva entregado o 95 % do total destinado a Oia dentro do plan, cun investimento situado en máis de 410.000 euros

Vista do Mosteiro de Santa María de Oia e súa contorna
Foto: Infogauda

Infogauda / Oia

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, cinco novas achegas ao Concello de Oia no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos. Deste xeito, Oia recibe 35.631,91 € para a recuperación do camiño de Liñares, outros 25.994,94 € para realizar o saneamento do camiño de Videira e a rehabilitación un lavadoiro en Vilar, outros 20.030,47 € para a ampliación do parque infantil de Mougás e o acondicionamento do acceso ao cemiterio municipal, outros 6.590,91 € para a subministración de pezas para realizar un illamento acústico e, por último, unha achega de 1.672,89 € para a adquisición de material informático. En total, estas cinco novas axudas suman un investimento total por parte da institución provincial situado en 89.921,12 euros.  

 Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Oia 161.961,90 € para unha actuación integral no camiño de Refoxos, a numeración de vivendas e camiños da vila e para realizar obras relativas á rede de abastecemento municipal de auga na aldea de Burgueira, 65.045,63 € para gastos correntes e, ademais, outros 94.434,08 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.  

 Coa suma desta nova achega, Oia xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 95 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 411.362,73 € dun total de preto de 434.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario