5 de xul. de 2017

LABORAL

Falece un operario nos traballos de ampliación da ponte de Rande 

A CIG ocupou as obras recentemente para denunciar os perigos derivados do exceso de xornada


Infogauda / Chapela

 Un operario resultou morto hoxe nun acciedente laboral ocorrido nas obras de ampliación da ponte de Rande, no termo municipal de Moaña, ao caer dunha altura de cinco metros cando traballaba na colocación dunha vallas de seguridade na zona onde se está a levantar un dique de contención. A CIG desenvolveu recentemente unha acción simbólica moi preto do lugar do sinistro para denuciar a explotación laboral nesta obra pública e os perigos derivados do exceso de xornada.  

 Segundo explican empregados dunha das subcontratas que traballan para a UTE que se encarga das obras de ampliación, o acidente laboral tivo lugar debaixo da ponte, a carón do mar, arredor das catro da tarde, na zona onde se está a levantar un dique de pedra sobre o que se vai construir un muro. O falecemento do traballador, natural de Canarias e de 54 anos de idade, produciuse tras precipitarse dunha altura de cinco metros cando se atopaba instalando unhas vallas de seguridade, xa que o operario facía traballos de seguridade para o Grupo SYO, outra das preto de 20 subcontratas que participan na obra.

 Tal e como indican estes operarios, que ademais eran compañeiros do falecido, as condicións nas que desenvolven o seu labor facían prever que sucedese algo así, xa que á falta de seguridade na obra hai que sumarlle o exceso de xornada. “Cando hai carga de traballo facemos até 12 horas seguidas case sen parar, mesmo comendo un bocadillo na obra e listo, e traballamos sábados, domingos e festivos, e todo por sete euros a hora. E se te negas mándante para a casa”, denuncian.  

 Precisamente co obxectivo de chamar a atención sobre estas condicións laborais de explotación a CIG desenvolveu o pasado 20 de xuño unha acción na zona de traballo situada moi preto do lugar onde hoxe tivo lugar o accidente laboral que consistiu na toma simbólica das obras. A central xa advertía entón do perigo para a integridade física dos operarios que supoñían as xornadas laborais de até 12 horas, en moitos casos a unha altura de 60 metros e a pleno sol. “Aínda que se cumprisen todas as medidas de seguridade, que tampouco é o caso, os excesos de xornada provocan fatiga e cansanzo que en moitas ocasións están detrás dos acidentes laborais, neste caso con consecuencias fatais”, censura Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción.  

"Crónica dun accidente anunciado"  

 Neste senso, censura que o que vén de acontecer sexa “a crónica dun accidente anunciado” xa que, segundo denuncia, “dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave como o que tivo lugar”. De feito, segundo relatan os compañeiros do falecido, o mes pasado tivo lugar outro accidente laboral nas obras, aínda que nesta ocasión foi de menos gravidade. Con todo, o operario afectado perdeu a falanxe do dedo dunha man. 

 Sosteñen, ao igual que Melón, que “o que pasou xa se viña vir” xa que levan tempo observando problemas de seguridade como por exemplo a caída de material e de ferramentas dende grandes alturas “a zonas onde hai xente debaixo traballando”. Estas circunstancias teñen provocado preocupación entre os empregados, ao igual que son constantes as queixas polas súas condicións laborais. “O propio falecido comentara días atrás que non estaba contento coa súa situación e mesmo falara de afiliarse a algún sindicato”, lembran.

Ningún comentario: