A Xunta de Galicia compromete unha achega de 40.000 euros ó Concello para a reforma do pavillón da Sangriña
Marta Fernández Tapias, directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, no pavillón da Sangriña, co alcalde e algúns membros da Corporación Municipal de A Guarda, e un representante do Club Balonmán Atlético Guardés
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, recibiu esta mañá no pavillón da Sangriña á directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias, e ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, co fin de darlles a coñecer as necesidades de reforma e mellora máis urxentes nas instalacións deportivas.
No encontro, ao que tamén asistiron os concelleiros Miguel Ángel Español Otero (1º tenente de alcalde), Manuel Javier Crespo González (concelleiro de Deportes); e María Concepción Ortega Martínez (portavoz do PP no Concello de A Guarda); así como un representante da directiva do Club Balonmán Atlético Guardés; o rexedor e o delegado do club coincidiron en sinalar a urxencia da reforma das instalacións eléctrica, de fontanería e de protección contra incendios no pavillón, obras cuxo custo ascende a preto de 90.000 euros.
Tras coñecer as necesidades das instalacións que o Atlético Guardés utiliza habitualmente nos seus encontros e adestramentos, os representantes da Xunta de Galicia comprometéronse a asinar co Concello un convenio cunha achega de 40.000 euros, destinada ás mencionadas obras de reforma urxente. Marta Fernández destacou ao respecto o seu compromiso con este proxecto, que contribuirá a “mellorar a imaxe do deporte guardés e galego”.
Antonio Lomba Baz, pola súa parte, agradeceu á implicación da Xunta de Galicia no emprendemento destas melloras, das que resultaran beneficiadas especialmente ás campioas de Liga do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés e que, no momento de encontro, se atopaban realizando os seus adestramentos no pavillón.
Amais do convenio acordado durante esta mañá, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte xa comprometeu co Concello unha achega de 50.000 euros vía convenio, que será destinada á reforma do vestiario do pavillón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario