21 de xuño de 2017

TOMIÑO

TOMIÑO CONSTITÚE A MESA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 

PARA TRABALLAR DE FORMA COORDINADA DENDE DISTINTOS ÁMBITOS

Á iniciativa da Oficina de Igualdade da Concellería de Servizos Sociais, o Concello de Tomiño acolleu onte a Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero
Fotos: C. T.


Infogauda / Tomiño

 Na reunión estiveron ademais das autoridades locais, representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, Xefatura de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, e de Igualdade da Deputación de Pontevedra. 

 Á iniciativa da Oficina de Igualdade da Concellería de Servizos Sociais, o Concello de Tomiño acolleu onte a Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, co fin de facer dela un instrumento operativo para favorecer a coordinación de todos os organismos e departamentos implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, dende a súa prevención e detección, ata o tratamento e seguimento posteriores.  


 Participaron a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella; a xefa de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, Mª Paz Pérez Asorey, e a xefa de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas Arcay, convidadas polo Concello de Tomiño, a través da Oficina de Igualdade Municipal. A alcaldesa Sandra González, presidiu a Mesa, na que tamén estiveron a concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez e membros deste departamento, así coma da Oficina de Igualdade, OMIX e Educación; representantes locais de centros educativos, sanitarios e xudiciais, da Policía Local e Guarda Civil, e do Centro de Emerxencia para Mulleres vítimas da Violencia de xénero e CIM da Guarda.  

 A secretaria xeral de Igualdade comezou por manifestar a súa satisfacción pola constitución dunha nova Mesa no Sur da provincia. Salientou a importancia de traballar xuntos e coordinados Concello, Xunta e Deputación, dende os diferentes ámbitos implicados no tema da violencia de xénero (sector sanitario, forzas de seguridade, traballadores sociais, etc.). “A descoordinación custa vidas, a coordinación non”, dixo López Abellá. No caso do rural, e de Tomiño especialmente, “súmase o problema da gran dispersión poboacional existente e as características derivadas de ser territorio transfronteirizo, polo que a labor de coordinación debe ser aínda maior que noutros lugares”, indicou.  

 A alcaldesa de Tomiño coincidiu coa secretaria xeral, referíndose tamén á importancia da prevención e salientando a necesidade de denunciar, polo que pediu un protocolo de actuación máis áxil e simplificado que o que se aplica moitas veces, vitimizando ás mulleres en lugar de protexelas.  

 A rexedora local informou que a vontade do Concello é celebrar esta Mesa cada seis meses, de maneira de manter un diálogo “fluído e permanente” entre as forzas implicadas na loita contra a violencia.  

 O sarxento comandante do posto da Guarda Civil de Tomiño, Pablo Piñeiro, referiuse á situación actual da violencia de xénero no municipio, comentando que os casos van en aumento e salientando a necesidade de asesorar legalmente ás mulleres no momento de preparar a denuncia, porque este é un dos problemas que retrasan os trámites, así coma a falta de habilidades sociais e o medo en outros casos.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario