23 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

MOSQUERA ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ABRIRÁ ESTE ANO UNHA SEGUNDA CONVOCATORIA PARA CREAR PARQUES FORESTAIS NOS MONTES DA PROVINCIA    

O vicepresidente explicou que se presentaron 25 solicitudes, pero moitos concellos interesados nas axudas “non deron resolto en prazo os trámites necesarios”  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou hoxe que a Deputación abrirá este ano unha segunda convocatoria para a creación de parques forestais nos montes da provincia. Segundo explicou, hai moitos concellos que mostraron interese nas axudas ofrecidas pola institución provincial para a mellora dos montes, mais “non deron resolto en prazo os trámites necesarios para presentar as súas solicitudes”, polo que a intención é darlles unha segunda oportunidade.   

 A convocatoria da Deputación aberta en abril e pechada o pasado 5 de xuño reuniu 25 peticións por parte de 11 concellos da provincia, unha cifra que Mosquera considerou “bastante elevada”. Presentaron propostas os municipios de A Illa de Arousa para Monte Palmeira; Arbo para Bouza de Miguel; Arbo e As Neves para a Serra de San Fins; Cangas para Carballeira de Coiro, Montes de Varalonga e Montes de Massó-Liméns; Cerdedo-Cotobade para Carballedo e Tamonde; Forcarei; Fornelos de Montes para Freaza e río Barragán; Mondariz para A Lagoa e Montes de Gargamala; Oia para o monte de Santa María de Oia; Ponteareas para A Picaraña, San Cibrán-Muiños de Couso, e Seixiforna-Viveiro; así como Vilaboa para Santa Cristina de Cobres. A suma económica das solicitudes chega aos 789.569,65 euros do 1,2 millóns de euros dispoñibles.   

 Segundo manifestou o vicepresidente, nos últimos meses, coa primeira convocatoria para a creación dos parques forestais detectáronse dúas cousas “obvias”: A primeira é que “había interese” nas posibles axudas para os montes, e a segunda é que, a pesares de que os concellos estaban informados de que se ían conceder subvencións, “os trámites para poder presentar toda a documentación requirida son demasiados lentos”. Neste sentido, Mosquera lembrou que era necesario un acordo da comunidade de montes para a cesión dos terreos aos concellos (por parte da directiva e da asemblea de comuneiros) e tamén a autorización da Xunta de Galicia, cuestión que por si soa “pode tardar meses”, dixo, entre outras cuestións.   

 Poñer en valor o monte 
 As subvencións destinadas á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais teñen como obxectivo principal crear áreas de uso público e disfrute da cidadanía mediante a posta en valor de áreas de monte comunal con valores paisaxísticos, produtivos ou ambientais. Para garantir este fin nas bases estableceuse a obriga de que debían ser os concellos os que solicitasen as subvencións á Deputación en lugar das comunidades de montes.   

 As bases tamén restrinxiron as características específicas das actuacións a subvencionar, aceptando as replantacións, pero non como obxectivo único, senón como complemento doutros aproveitamentos de tipo gandeiro, micolóxico ou de ocio. Así mesmo, era obrigatorio que as actuacións estivesen encadradas nunha superficie global 50 hectáreas de terreo. 

 O montante total que a Deputación destina aos parques forestais estaba diferenciado en dúas liñas de subvención. A primeira, con 360.000 euros, vai dirixida á redacción de proxectos de intervención no monte, subvencionables até un máximo do 80% do seu custe cun límite superior de 120 €/hectárea. A segunda liña (con ata 840.000 euros) pretende financiar tarefas de prevención de incendios e freado de lumes, posta en valor paisaxística e ambiental, así como de actuación sobre o solo e revexetación, sendo a axuda dun máximo do 80% do custe da actuación cun límite superior de 900 €/hectárea. Non se podían  acoller a esta segunda liña as solicitudes que non incorporasen un proxecto xa redactado. En ambos casos, o 20% restante do orzamento total, ou a cantidade que resultase de superar os límites fixados, terana que aportar os concellos solicitantes, ben dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares do predios obxecto da actuación pretendida.

Ningún comentario: