15 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

O PLAN REVITALIZA CONTA DENDE HOXE CUNHA ESTRUTURA FUNCIONARIAL ESTABLE PARA BOTAR ANDAR A COMPOSTAXE NA PROVINCIA

O vicepresidente Mosquera puxo sobre a mesa a posibilidade de elaborar unha publicación sobre o tratamento dos orgánicos para que sexa editada polo Ministerio de Medio Ambiente ou a Xunta de Galicia

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, na toma de posesión dos 18 funcionarios interinos que formarán unha estrutura administrativa estable para xestionar e asesorar os municipios sobre o tratamento dos residuos orgánicos
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de dar un dos seus pasos máis importantes para que a compostaxe se convirta nun sistema de xestión de lixo para os concellos da provincia. Hoxe tomaron posesión os 18 funcionarios interinos que formarán unha estrutura administrativa estable para xestionar e asesorar os municipios sobre o tratamento dos residuos orgánicos, con seis técnicos de xestión de residuos do grupo A2 e outros 12 mestras e mestres composteiros do grupo C1. Segundo asegurou o vicepresidente Mosquera, “para min, que intentei botar a andar este proxecto en xullo de 2015, o de hoxe foi o obxectivo inicial: ter un corpo de técnicos moi preparado”. 

 O deputado nacionalista subliñou que o corpo de funcionarios que acaba de incorporarse na Deputación “debe ser o máis potente que ten ningunha administración en todo o estado neste campo; vimos de dar un salto adiante e co tempo seremos máis conscientes do que fixemos”. Así, deu a noraboa e moitos ánimos ao novo persoal para enfrontarse aos retos próximos, asegurando que “os que estades aquí merecédelo de sobra pola cantidade de procesos selectivos que levades pasado, e creo que a función pública debe ser para a xente que máis se esforzou e a máis preparada”. “Imos traballar arreo e a porta do meu despacho está aberta”, insistiu.  

 Mosquera aclarou aos novos traballadores o que significa ser funcionario e indicou que a función pública ten unhas obrigas e unhas características moi definidas e particulares. “Vós non sodes funcionarios de ningún goberno nin de ningunha forza política. Sodes servidores públicos, funcionarios dos cidadáns, a quen tendes que servir. Como funcionarios tendes autoridade, un instrumento a utilizar con moita prudencia, moito coñecemento e con moito rigor”, asegurou, para advertir que “esa autoridade e status gánase con seriedade e solvencia”.   

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, cos 18 funcionarios interinos do Plan Revitaliza, así como o asesor en materia de residuos Carlos Pérez, e a técnica provincial María Martínez Abraldes, que liderarán a nova estrutura de traballadores

 A partir de agora, todo o persoal traballará na implantación da II Fase do Plan Revitaliza, á que se adheriron 29 concellos da provincia para aplicar a compostaxe  como sistema de xestión do lixo. No que queda de ano a intención é que se implante o tratamento de lixo orgánico nun primeiro grupo de municipios, coa instalación de centros de compostaxe comunitaria e o reparto de composteiros individuais.   

 Á parte do traballo ordinario cos concellos, Mosquera tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de que os novos técnicos elaboren unha publicación sobre compostaxe. “Como vistes cando preparastes as oposicións, material hai moi pouco e é preciso producilo para ir creando escola e definir moitas cousas. Se puideramos avanzar nesa vía, ese material poderíao publicar o propio Ministerio de Medio Ambiente ou a Xunta de Galicia, e pasaría a ser documentación oficial e axudaría a outra xente en Galiza, ao estado e ao persoal deste área de traballo a ter asentado un corpus de coñecemento. Tendes o reto e vantaxe de ser pioneiros e, se tendes a ben traballar para transmitir o voso coñecemento, sería unha boa idea”, subliñou.   

 No acto de toma de posesión estiveron presentes os funcionarios que tomaron posesión, así como o asesor en materia de residuos Carlos Pérez, a técnica provincial María Martínez Abraldes, que liderarán a nova estrutura de traballadores. Tanto os técnicos A2 como os mestres e mestras composteiras recibiron a documentación oficial que acredita que dende o día de hoxe son persoal dependente da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario