23 de xuño de 2017

LABORAL

A CIG denuncia que Dinak usa cartos públicos para despedir persoal indefinido e contratar en precario  

A compañía viguesa recibiu importantes subvencións da Xunta nos últimos anos  

Infogauda / Vigo

 A representación da CIG no comité de Dinak, compañía viguesa dedicada á fabricación de chemineas modulares de uso industrial, vén de denunciar que a dirección está a aproveitar as subvencións que recibe da Xunta para desfacerse de traballadores/as indefinidos/as e con antigüidade na empresa e mentres contrata novo persoal eventual en condicións laborais máis precarias. Diante disto, os delegados sindicais da central na empresa barallan a convocatoria de mobilizacións.  

 Segundo explican os delegados sindicais da CIG no comité de empresa, a dirección de Dinak está a executar unha vaga de despedimentos que argumenta como disciplinarios “a pesar de que non existen motivos que os xustifiquen”. En concreto, no último mes rescindiulle o contrato a tres empregados, aínda que dende 2012 rexístranse unha media de dous despidos cada ano. En todos os casos son persoas con contrato fixo e con antigüidade na empresa. “De xeito paralelo, Dinak continúa a contratar a persoal eventual con condicións laborais inferiores”, indican.   

 A vaga de despedimentos prodúcese a pesar de que a compañía aumentou a facturación en plena crise económica e tras eliminar a paga de produtividade en 2012 (320 euros mensuais por traballador/a). Ao ano seguinte pretendeu aplicar unha nova rebaixa xeneralizada dos salarios e un aumento da xornada, “mais finalmente non se chegou a producir porque a CIG presentou unha denuncia”. Ademais, cando comezaron os despidos os delegados da central propuxeron a convocatoria de mobilizacións, “pero CCOO asinou un pacto de 'non agresión' coa dirección a cambio de non executar máis rescisións de contrato, algo que non cumpriron”.  

 Este pacto foi asinado en contra do criterio da representación da CIG no comité de empresa, integrado por 7 delegados/as de CCOO (5 en técnicos/as e administrativos/as e 2 en especialistas e non cualificados/as) e 3 da CIG (os 3 en especialistas e non cualificados/as). “Curiosamente, un dos últimos despedidos apoiou no seu momento o pacto coa empresa”, sinalan. 

 Diante disto, anuncian que non caso de que a dirección non dea marcha atrás na súa política de despedimentos e precarización das condicións laborais do cadro de persoal (formado por uns 200 traballadores/as) convocarán mobilizacións. Consideran que non se pode permitir que unha compañía bote man de importantes cantidades de cartos públicos que recibe a través de subvencións da Xunta -en concreto do Igape, de Xesgalicia e da Axencia Galega de Innovación- para despedir e contratar persoal en peores condicións. De feito, nos últimos anos Dinak recibiu alomenos máis de 400.000 euros de axudas públicas directas.   

 Ademais, o trato preferente da Administración autonómica levou a que o propio director do Igape e de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitase as instalacións de Dinak en Teis a finais de 2016, onde salientou <>.

Ningún comentario:

Publicar un comentario