17 de xuño de 2017

FORCAREI

A primeira das rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio terá lugar este domingo en Forcarei 

Trátase dunha ruta interpretativa que ten como tema central as infraestruturas relativas ao mel que se conservan na Serra do Candán 


Na presentación da ruta no concello de Forcarei participaron a alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, María Jesús Sineiro, o arqueólogo Fran Alonso, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Foto: D.P.  

Infogauda / Forcarei 

 Forcarei acollerá este domingo, entre as 10:30 e as 14h, a primeira das cinco rutas etnoarqueolóxicas que o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra pon en marcha no programa de actividade do Ano do Patrimonio. Trátase de rutas interpretativas que conectan o medio natural e o patrimonio dunha zona coa tradición dunha técnica ou oficio. En Forcarei o tema central serán o mel e a cera, conectando as alvarizas que se conservan no medio natural do Candán coa historia e a tradición. Así o fixeron público onte na presentación no concello de Forcarei a alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, María Jesús Sineiro, o arqueólogo Fran Alonso, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.  

 "Este tipo de rutas resultan moi efectivas para poñer en valor prácticas e saberes que aínda permanecen na memoria de persoas do lugar e conectalas co patrimonio natural de cada unha das zonas onde se levan a cabo" asegurou Xosé Leal. O deputado indicou ademais que "é preciso achegar o patrimonio a todo tipo de públicos de forma accesible e práctica, porque sabemos  que o que non se coñece non se valora, e polo tanto non se ten idea da importancia da súa conservación". Sobre a relevancia do patrimonio da zona do Candán tamén se manifestou a alcaldesa de Forcarei, que fixo fincapé en que "se trata dun sendeiro que merece moito a pena", porque ademais do aspecto interpretativo que se introduce tamén discorre por un espazo de especial significado a nivel paisaxístico. "Non podemos esquecer que parte desta ruta pasa pola Serra do Candán, protexida pola Rede Natura e que merece a pena coñecer" asegurou Belén Cachafeiro. Tanto a alcaldesa como a concelleira de Cultura animaron a toda a veciñanza a participar e anunciaron que elas formarán parte do grupo de persoas que gozarán desta experiencia o vindeiro domingo.  

 A tradición do mel e da cera  
"Nesta ruta imos aproveitar que o mel quedou marcado na paisaxe" asegurou Fran Alonso, o arqueólogo responsable do deseño da ruta e que actuará de guía o vindeiro domingo. A ruta partirá do Mosteiro de Aciveiro ás 10:30 horas e discorrerá por un percorrido de 6 quilómetros de dificultade baixa, o que o fai apto para todo tipo de públicos. O roteiro é circular e rematará de novo no Mosteiro onde un apicultor da zona explicará como era o traballo tradicional de obtención do mel e como evolucionou e se adaptou aos tempos actuais. Fran Alonso lembrou que o Mosteiro de Aciveiro é un referente do románico galego que se asenta na Serra do Candán na Idade media e que xestionou toda a comarca de Terra de Montes, deixando na zona numerosas infraestruturas como as neveiras e as alvarizas. No Candán foi ademais un dos últimos espazos onde houbo osos na Galiza, polo que as alvarizas –utilizadas para protexer o mel destes animais- teñen unha relevancia histórica. Para participar nesta experiencia, nesta ocasión non é precisa inscrición previa, senón que será suficiente con presentarse no punto de encontro o propio día da ruta.  

 Tras esta primeira ruta, e ata o vindeiro mes de setembro, a Deputación de Pontevedra ten previstas catro rutas máis coas súas temáticas correspondentes. En Cotobade centrarase na cantería, en Mondariz Balneario na carpintería, en Oia nas redeiras, e en Mos na cerámica. Para todas se establecerá un límite de participación de 50 persoas, e o horario será de 10:30 a 14:00h.  

 As rutas etnoarqueolóxicas entran no marco das técnicas de arqueoloxía experimental, cuxo obxecto é dar a coñecer o patrimonio histórico e natural de forma divulgativa e lúdica, pero sen perder o rigor e a perspectiva científica. Estas rutas están deseñadas a través de percorridos de escasa dificultade, e serán guiadas por expertos que explicarán o contexto xeográfico, histórico e natural relacionado con cada unha das temáticas escollidas para cada experiencia. Todas as rutas finalizarán cunha actividade explicativa sobre a materia, que corre a cargo de persoas da zona, no caso de Forcarei a cargo dun apicultor desta localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario