17 de xuño de 2017

CULTURA

A Xunta de Galicia celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe a Victoria Moreno no Día das Letras 2018 

A Consellería de Cultura e Educación destaca o labor que desempeñou a escritora cacereña tanto no eido educativo como cultural na cidade pontevedresa

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2018 a María Victoria Moreno Márquez, a cuarta muller na historia que recibe este recoñecemento, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle renderán á mestra e escritora o vindeiro ano.
 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor que realizou a autora non só no ámbito literario, senón tamén no plano educativo. De feito, a súa biblioteca persoal, composta por 4500 volumes e uns 150 estudos de Don Quijote foi doada ao IES Torrente Ballester de Pontevedra.
 Nada o 1 de maio de 1941 en Valencia de Alcántara (Cáceres) e finada na cidade de Pontevedra o 21 de novembro de 2005, Moreno Márquez licenciouse en Filoloxía Románica en Madrid, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. En 1963 asentouse en Pontevedra con praza de mestra no IES Valle-Inclán e, posteriormente, no IES Torrente Ballester. Tamén pasou unha estadía profesional en Lugo e en Vilalonga (Sanxenxo), vilas onde iniciou os seus contactos co ámbito galeguista, e que logo consolidaría na cidade do Lérez a través dunha participación activa na vida cultural e política, con especial protagonismo en conferencias, cursos e encontros literarios.
 A súa obra está enfocada á literatura infantil e xuvenil en lingua galega, pero tamén escribiu obras de ensaio, colaborou en libros de texto e dirixiu a colección Árbore da Editorial Galaxia. Aínda que a maior parte dos seus libros son en galego, tamén cultivou traballos en castelán, algunha vinculadas a Galicia como Los novísimos de la poesía gallega (1973).
 Persoa activa na vida cultural e política da cidade en particular, e de Galicia en xeral, a autora ao que o vindeiro ano se lle dedicarán as Letras Galegas foi finalista do Premio Café Gijón e obtivo o primeiro premio dos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães co relato La casa de las Marías.
 Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario