A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA DÁ VÍA LIBRE AO INVESTIMENTO DE 589.051 EUROS PARA A MELLORA INTEGRAL DAS ESTRADAS PROVINCIAIS DA PARROQUIA DE CALDELAS EN TUI
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que o proxecto busca mellorar a seguranza viaria nas EP-3004 e a EP-2505
Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, con Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui e o concelleiro de Medio Ambiente, Meio Rural, Recollida de lixo, Limpeza viaria e Participación cidadá, José Martínez Tato
Foto: D. P.
Infogauda / Caldelas de Tui
A Deputación de Pontevedra dará vía libre na Xunta de Goberno deste venres venres ao convenio para a mellora integral das estradas provinciais EP-3004 e a EP-2505 da parroquia de Caldelas no Concello de Tui. No documento de acordo entre a institución provincial e o goberno municipal establécese que o investimento será de 589.051 euros, dos que o 80% chegarán das arcas provinciais e o 20% do concello. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, “é importante aplicar os novos criterios da Deputación para calmar o tráfico e chegar a unha convivencia segura entre peóns e vehículos na parroquia de Caldelas, xa que é unha das máis importantes de Tui e, ademais, as vías provinciais que pasan por ela conectan con outro municipio”.
A Deputación de Pontevedra está concienciada, segundo asegura Benítez, sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincial, facendo especial fincapé nos tramos que transcorren por espazos urbanos ou núcleos rurais dos distintos concellos. O obxectivo “é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público”.
A EP-3004 une os núcleos rurais de Os baños con O Monte atravesando por o Calvario, mentres que a EP-2505 une os núcleos de O Pozo con O Monte, atravesando por O Piñeiro, ademais de servir de acceso a unha zona de equipamentos (un colexio, un balneario e unha zona de espazo libre de uso e dominio público á beira do Río Miño, nun entorno de grande beleza natural e paisaxística), tendo por todo isto un importante tránsito peonil. A presenza da estrada provincial, coas actuais características atravesando o núcleodificulta a mobilidade en condicións de seguridade en especial dos peóns e persoas en bicicleta, polo que, segundo anuncia o deputado, a principal actuación do proxecto é a creacióndunha nova senda de mobilidade peonil.
A configuración actual da estrada conta cun ancho variable que xira entorno aos nove metros de largo sen beirarrúas, espazo que permitirá albergar un novo itinerario seguro. No proxecto, así mesmo, empregaranse elementos para reducir a velocidade dos vehículos: redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados ao longo dos dous tramos. A obra, ademais da senda, incluirá a reposición e mellora da rede de drenaxe, a sinalización e a recuperación do contorno da Igrexa de San Martiño de Caldelas, situada ao borde da EP-3004.
O departamento de Mobilidade xa ten o proxecto de actuación rematado e aprobado. Unha vez a Xunta de Goberno dea este venres o visto bo ao texto do convenio, procederase á súa sinatura e á contratación das obras, que se poderán iniciar no outono deste ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario