15 de xuño de 2017

BURGUEIRA (OIA)

CORES TOURÍS DESTACA A LABOR DA COMUNIDADE DE MONTES DA BURGUEIRA, EN OIA, POLO SEU TRABALLO DE PREVENCIÓN DO LUME FORESTAL  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo referencia aos 79.651 euros de axuda aportados pola Consellería de Medio Rural a esta agrupación para a posta en marcha de traballos de roza mecanizada (poda, clareo e eliminación de biomasa) 

· Tamén incidiu nos 5 millóns de euros destinados a esta provincia entre 2016 e 2017 para 429 proxectos de comunidades de montes tanto de cara á execución de traballos de prevención de incendios como de fomento da silvicultura   

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Cristina Correa, así como polo presidente da comunidade de montes, Camilo González, polo xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo e polo xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, Manuel Francisco

Infogauda / Burgueira (Oia)

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a labor da comunidade de montes da Burgueira no concello de Oia na prevención do lume forestal, facendo referencia aos 79.651 euros que recibiu por parte da Consellería de Medio Rural para a realización de traballos de roza mecanizada. 

 Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Cristina Correa, así como polo presidente da comunidade de montes, Camilo González, polo xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo e polo xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, Manuel Francisco. 

 O delegado territorial anunciou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, acaba de facer públicas as axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor. Neste senso, ademais da comunidade de montes da Burgueira, no concello de Oia tamén se viu beneficiada a de Loureza. En total, preto de 26.000 euros para traballos de roza e clareo nos montes deste concello, no que se traballará nun total de 53,5 hectáreas. 

 No distrito XVIII (Vigo-Baixo Miño) aprobáronse este ano, dende o servizo de Incendios, 30 proxectos cun total de 207.500 euros. Neste mesmo senso, en relación á provincia, o total de proxectos aprobados nesta orde foi de 119, por un montante de 974.975 euros.     

 Neste distrito do Baixo Miño executaranse, grazas a estas axudas, 2 puntos de auga, un de 50 metros cúbicos, outro de  110 metros cúbicos, e se executarán traballos de roza sobre 383 hectáreas, con labores de rexeneración, faixas auxiliares a pista e devasas. Este distrito conta con 186 comunidades de montes e unha superficie forestal de case 60.000 hectáreas, das cales 37.765 son de monte en man común.  

 “Pero o traballo de prevención dos nosos montes vai máis aló, e temos que falar dun total de 5 millóns de euros destinados entres 2016 e 2017 a labores de roza e limpeza, así como de fomento da silvicultura, que inclúe calreos, podas e tratamentos preventivos”, explicou Cores Tourís. “A maioría dos traballos aprobados en 2016 están agora a rematarse e os de 2017 acaban de ser aprobados e serán executados nos próximos meses”. 

 No distrito XVIII foron 88 os proxectos que se puxeron en marcha entre o ano pasado  e o presente, cun investimento total de 850.000 euros entre os servizos de Incendios e Montes. De este montante total, a comunidade de montes de Burgueira recibiu 79.651 euros.  

 “Neste senso, temos tamén que engadir o millón de euros que a Xunta de Galicia destina a través dos convenios cos concellos da provincia de Pontevedra e que permite contratar a 20 brigadas con 17 camións que executarán unha limpeza de 1.270 hectáreas en 34 concellos”, engadiu o responsable territorial, “así como contaremos tamén con unha nova liña de axudas para fomento da silvicultura que nestes intres está a validar os proxectos presentados e que suporá algo máis de 11 millóns para toda Galicia”. 

 “Burgueira é, precisamente, un exemplo do bo traballo dunha comunidade de montes de cara a prevención de incendios, xa que conta con dúas brigadas propias, unha delas presente todo o ano, e con 8 operarios”, matizou José Manuel Cores Tourís. “Ademais, en verano tamén levan a cabo labores de vixilancia durante as épocas de maior perigosidade. Non podemos esquecer que conta unha superficie total de máis de 2.000 hectáreas”.  

 Cores Tourís matizou a importancia da planificación dos traballos preventivos do distrito forestal, “xa que o seu obxectivo é adecuar a xestión forestal para o goce dos veciños da parroquia, compatibilizando as funcións ambiental e social do rural”.   

 Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo un chamamento á cidadanía para que se adopten as medidas de precaución durante estes días de cara a evitar lumes accidentais e recordou que antes do 30 de xuño, os propietarios arrendatarios, usufrutuarios o titulares de los terreos deberán xestionar a vexetación preta ás vivendas. Así, para as casas illadas o límite é de 10 metros, nos que non pode haber maleza nin árbores, dos 10 aos 50 metros non pode haber maleza, pinos, eucaliptos nin acacias e o resto dos árbores teñen que estar separados entre sí. Dende o límite das aldeas ata os 30 metros tampouco debe haber maleza, nin pinos, nin eucaliptos nin acacias. Nas novas urbanizacións manterase unha franxa de seguridade de 50 metros, ao igual que para as casas illadas.  
 Asemade, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que “aínda que estean autorizadas as queimas forestais non podemos obviar as consecuencias destes picos de altas temperaturas, polo que queremos facer un chamamento para que se adopten as medidas de precaución nas queimas e que se trasladen a execución cando as condicións estean mais favorables”. 

 Recordar tamén a utilización por parte da cidadanía do 085 como teléfono de aviso, “operativo as 24 horas do día para transmitir calquera alarma por lume no monte. Entre todos podemos evitar os incendios e minimizar o seu impacto”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario