22 de xuño de 2017

A GUARDA

O VERÁN COMEZA NA GUARDA CUN NOVO FIN DE SEMANA CHEO DE ACTIVIDADES 


Infogauda / A Guarda

 O verán estréase na Guarda cun fin de semana colmado de actividades do mais variado, comezando xa este xoves 22 co tradicional Concerto de fin de curso que terá lugar no Centro Cultural ás 20:00 h., onde os alumnos do Conservatorio Elemental de Música de A Guardaterán ocasión de amosar as dotes musicais adquiridas ó longo do ano.


 O venres, a noite de San Xoán, ten dúas citas destacadas na nosa localidade coa realización de fogueiras na zona da Atalaia, organizada polo C. S. O Fuscalho, e que estará acompañada por concertos, con Amijos do Chuco e Afouto, e foliada ao remate.


 E a fogueira de Salcidos, que ven de ser recuperada este ano por parte da comisión de festas de San Roque. Nesta ocasión a fogueira estará acompañada tamén por animación musical a cárrego do dúo Salsa Costas, e de churrasco que precisa de confirmación previa cos organizadores, na perruquería Gustavo, no Coruto; na tenda do Cruceiro Pinto, en Salcidos, ou no teléfono 699 291 122, da Comisión de Festas de San Roque, de Salcidos.


 Continuando o fin de semana, o sábado dará comezo a celebración da II Festa Castrexa no Monte Santa Trega, que organizada polas Comunidades de Montes de Salcidos, Camposancos e A Guarda, é sen dúbida un dos platos fortes, xa que durante dous días ofertará un amplo abano de actividades, como son feira de artesanía e postos de comida, un completo cartel de actuacións musicais, andaina polo monte, ruta cabalar, xogos populares e algunha que outra sorpresa.


 Pero outras dúas citas se concentran no fin de semana na vila, xa que o sábado 24 celebrarase no Auditorio de San Benito o Festival Luso Galaico, que cada ano achega ata a nosa localidade grupos folclóricos de diferentes puntos da xeografía galega e portuguesa para amosarnos o mellor do noso folclore, nesta ocasión serán a Asociación de Música e Baile Tradicional Abeloura, de Boiro; o Rancho Folclórico Estrelas Douradas, dende Guimarâes e o Torreón de Guijuelo, de Salamanca, xunto coa Grupo de baile Xamaraina que exerce de anfitrion.


 E para rematar, o domingo 25 celébrase a nivel mundial o Día do Ioga, polo que o Centro Awen ofertará na Alameda unha sesión de ioga en familia e relaxación para todos aqueles que se queiran achegarse.

 Sen dúbida un fin de semana con opcións para tódolos gustos que deixa poucas escusas para non disfrutar do inicio do verán na nosa localidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario