18 de maio de 2017

OPINIÓN

A HISTORIA REPÍTESE

 O sector naval galego, despois destes anos de reconversión encuberta, segue sen levantar cabeza. Lonxe do efecto propagandístico das noticias que saen na prensa, día si e día tamén, anunciando a tan esperada recuperación dun sector estratéxico para o país e o máis importante da industria da comarca de Vigo -xunto coa automoción- segue a vivir os momentos máis baixos de ocupación da súa historia. Sendo este sector actualmente o de maior capacidade para incidir na recuperación económica do conxunto das bisbarras de Vigo e de Pontevedra, dado o seu volume de negocio e a súa capacidade de contratación.

 O aumento de contratacións no ultimo ano é unha realidade, mais é necesario salientar o tipo de buques contratados: barcos de pesca pequenos, remolcadores, multipropósito... que xeran pouca carga de traballo, o que se traduce na contratación dun número cativo de traballadores/as. Nestes intres, exceptuando o estaleiro mediano Paulino Freire de Vigo, cunha carga de traballo estábel para os próximos anos, o resto de estaleiros pequenos son os que soportan realmente a carga de traballo, polo que o número de traballadores/as no sector non chega aos 1.000.

 É neste contexto de desfeita, cos estaleiros principais sen actividade -por certo os únicos con capacidade real de incidir no aumento da contratación de traballadores/as no sector-, que volve repetirse o acontecido con Gas Natural en 2013. Naquel ano Gas Natural contratou catro gaseiros a estaleiros asiáticos, o coreano Hyundai e o xaponés Imabari, sendo a que contrataba unha empresa española e con axudas da Administración española. Isto provocou unha gran polémica que derivou na contratación de catro petroleiros en colaboración coa tamén coreana Daewoo, que están a construírse no grupo Navantia.

 Esta situación repítese agora co anuncio das armadoras españolas Balearia, que hai uns días presentou un plan para o incremento da frota con tres novos ferris a construír antes de 2019 (un en Sestao e os outros dous no estaleiro Italiano Canteri Navale Vissentini), e Armas, coa construción doutro ferri no estaleiro australiano Incat, con entrega tamén en 2019. Estas armadoras foron clientes no seu momento, con Suardiaz e Transmediterránea, do estaleiro privado máis grande do Estado (o vigués Barreras). Este estaleiro segue na actualidade sen carga de traballo e co seu futuro cando menos comprometido.

 Cabe preguntarse por que estas armadoras escollen estaleiros foráneos, onde os custos son maiores, e estando os nosos á mesma altura tecnolóxica. Sería tamén importante saber que axudas están a recibir estas armadoras do Estado. Que hai detrás destas decisións nos momentos máis comprometidos para a continuidade do sector naval? Cal é aposta das armadoras españolas e do Goberno central para protexer ou mesmo potenciar este sector?

 O sector naval, a pesar da súa redución a nivel estatal, segue a representar a nivel galego unha industria estratéxica e básica para o desenvolvemento industrial e económico da noso país, actuando como dinamizador doutros sectores en dúas comarcas basicamente industriais como son Ferrol e Vigo.

 Temos exemplos de Estados como Corea ou Xapón que realizaron políticas dirixidas ao mantemento e fortalecemento do sector naval, e mesmo temos casos nalgún Estado da Unión Europea. Isto contrasta, unha vez máis, coa falta de compromiso e plans industriais do Estado español e da Xunta de Galiza na procura de dar unha saída ás necesidades das armadoras a través da nosa propia industria.

Vigo, 18-05-2017

César Rodríguez Martínez
Responsábel do naval na CIG de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario