8 de maio de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

Queremos Galego convoca unha grande manifestación de unidade a favor da nosa lingua con autobuses desde o Baixo Miño   

A convocatoria terá lugar baixo o lema “en galego sen límites” co que a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os obstáculos para vivir en galego e a necesidade de superalos colectivamente 

“É hora de que a Xunta de Feixó corresponda a dignidade que o pobo mostra mantendo viva a súa lingua”  

“A exclusión sistemática do galego de tantos espazos é mostra do Apartheid lingüístico legalizado no que aínda vivimos”  

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anuncia a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “en galego sen límites”.



Plataforma Queremos Galego / Baixo Miño

 A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda. Co lema “en galego sen límites” a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade, e a exclusión sistemática do idioma da maioría dos espazos.   

 Desde Queremos Galego indicamos que as promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos, son os que ademais provocaron unha reacción social a favor do galego cada vez máis ampla e máis estendida que se visualizará unida, máis unha vez, este 17 de maio. Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística e que a garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego. Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela. Entre todas e todos podemos mudar a situación e por iso será unha grande manifestación de unidade en torno ao noso idioma. 

 Fronte a esta resposta de dignidade colectiva, o governo actual non só non actúa senón que camiña na dirección contraria: sabedores da enorme contestación social e a reacción unánime en todos os ámbitos,  dentro e fóra das nosas fronteiras, que tivo e ten o decreto de plurilingüísmo, nunha nova mostra de desprezo ao seu cargo e de servilismo ao goberno central, aínda o manteñen a sabendas de que mesturado coa LOMCE nin tan sequera permite que o galego chegue aos límites máximos nos que reclúe o galego”. En vez de avanzarmos cara un ensino co galego como lingua vehicular, avanzamos cara ao afogamento no castelán omnipresente, como  se ve nos datos de exclusión do galego no ensino infantil. 

 Para Queremos Galego a situación no ensino é indicativa do que tamén acontece noutros moitos ámbitos como a administración, o económico ou o laboral. Os problemas na administración son crecentes grazas, en parte, á chamada Lei de transparencia que obriga a que administracións que como os concellos deran importantes pasos cara á normalización,  teñan que publicar  toda a documentación en castelán. Curiosamente moitos dos defensores no Estado de que só hai transparencia coa eliminación da lingua propia, están hoxe na cadea ou camiño dela.  

 Por iso lle pedimos ao señor Feixó que mostre por fin a dignidade que debería de ter o seu cargo e corresponda a dignidade coa que o pobo galego mantén viva a súa lingua malia ser todo en contra, mesmo un goberno como o da Xunta que prometeu cumprir a obriga de promover o uso do galego. Coa actitude contraria ao galego mostran estar tamén en contra da súa propia existencia como goberno.

 Por outra banda tamén estase a limitar cada vez máis o uso do galeo no ámbito socieconómico mesmo favorecendo situacións de deslocalización e despedimentos como os que denuncian as e os traballadores dos centros de chamadas, que melloraría a súa situación só con que a opción de galego estivese sempre presente. Neste sector a única resposta que se está a ver en 36 anos de autonomía é a das propias organizacións sociais que impulsan iniciativas como a ILP para o recoñecemento dos dereitos lingüísticos no ámbito socieconómico.  

 Para poder asistir á manifestación, a Plataforma cidadá Queremos Galego disporá de autobuses por todo o País. Na Comarca do Baixo Miño os autobuses terán paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui cunha tarifa de 5€ por persoa, mais, cómpre reservar praza antes do luns dia 15 de maio nos teléfonos: 616 090 632 /986 610 465

Ningún comentario:

Publicar un comentario