A conselleira de Infraestruturas e Vivenda compareceu hoxe no Parlamento para informar sobre a estratexia de apoio á rehabilitación, como centro da política de vivenda do Goberno galego nesta lexislatura
Ethel Vázquez salienta que 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano das medidas de impulso da rehabilitación de vivendas ás que a Xunta destinará 39 millóns de euros
A titular de Vivenda salienta que en 2017 poderá duplicarse o número de beneficiarios do ano pasado e acadarse un investimento inducido de 58 millóns de euros
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento que 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano das medidas de impulso da rehabilitación de vivendas
Avanza a posta en marcha do programa ‘Rehaluga’, unha iniciativa pioneira de axudas a fondo perdido para os que restauren as súas vivendas desocupadas para destinalas a alugueiro social
Defende a rehabilitación como “unha canle efectiva de resposta ás necesidades sociais en materia de vivenda”, que constitúe, ademais, “un elemento para construír futuro recuperando o pasado”
Remarca a aposta por mellorar as condicións de vida no rural a través de liñas de axuda á rehabilitación de vivendas, reforzada pola política de “impostos cero”
Salienta o interese de novas medidas de apoio á rehabilitación, como as axudas á mellora da eficiencia enerxética e á recuperación das vivendas de mestres ou os préstamos sen intereses a particulares ou o Fondo de Cooperación para concellos
Destaca a elaboración da primeira Lei de rehabilitación de Galicia como instrumento para facilitar a recuperación de vivendas e núcleos históricos degradados e contribuír á dinamización demográfica e económica da Comunidade
Subliña a posta en marcha do sistema de información xeográfica sobre eficiencia enerxética e do Observatorio da Vivenda como reforzo dos instrumentos de información para a planificación das políticas públicas
Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento que 6.300 familias galegas poderán beneficiarse este ano das medidas de impulso da rehabilitación de vivendas ás que a Xunta destinará 39 millóns de euros. Vázquez Mourelle compareceu hoxe no Parlamento para informar sobre a estratexia de apoio á rehabilitación, como centro da política de vivenda do Goberno galego nesta lexislatura.
A titular de Vivenda subliñou que en 2017, cos programas de rehabilitación da Xunta, cubrirase case o dobre de familias que no pasado exercicio, xerando ademais un investimento inducido de 58 millóns de euros. Neste sentido, cómpre lembrar que os programas recollidos no Plan Rehavita, aprobado e posto en marcha en 2015, xa permitiran que o ano pasado, 3.644 familias se beneficiaran das axudas e actuacións directas de rehabilitación, que contaron cun investimento do Goberno galego de 17,2 millóns de euros.
Ethel Vázquez defendeu a rehabilitación como “unha canle efectiva de resposta ás necesidades sociais en materia de vivenda”, que constitúe, ademais, “un elemento para construír futuro recuperando o pasado”.
A conselleira indicou que a Xunta está a redobrar os esforzos nesta materia nesta lexislatura, xa que a rehabilitación mellora a calidade de vida dos galegos e actúa como un factor dinamizador da actividade e do emprego, dado que é a ocupación que máis postos de traballo xera por euro investido.
Nesta lexislatura, o Goberno galego ten formulada unha estratexia global de rehabilitación que xa ten o seu reflexo nos Orzamentos de 2017, xa que, tal como se sinalaba anteriormente, case 40 millóns de euros permitirán poñer en marcha os novos programas e continuar coas liñas de axuda establecidas, que teñen demostrado a súa efectividade, incrementando incluso a súa dotación, para que poidan chegar aínda a máis familias.
Medidas innovadoras
Ethel Vázquez explicou que en canto aos novos programas que se van poñer en marcha este ano, xa están activadas as axudas para a mellora da eficiencia enerxética. Esta nova liña de traballo, cofinanciada con fondos FEDER, permite aos concellos realizar actuacións en vivendas da súa propiedade con axudas da Xunta; e facilita a intervención directa do IGVS en vivendas de promoción pública da súa propiedade.
No primeiro caso, as axudas a concellos foron activadas a través da resolución publicada no DOG do 25 de xaneiro, cunha dotación de 500.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes rematou o pasado 26 de marzo. Nestes momentos estanse avaliando as peticións, dos 11 concellos que teñen presentado as súas propostas, que no caso de que cumpran os requisitos, recibirán unha subvención do 80% do orzamento protexible.
Por outra banda, tamén no marco deste programa, desde o IGVS acometeranse actuacións directas de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública construídas por este organismo. Xa se licitaron e adxudicaron actuacións de mellora de eficiencia enerxética en 3 grupos de vivendas en Santiago, actuando nun total de 116 de promoción pública: 70 en Belvís; 21 nas Cancelas-Mallou; e 25 en Ponte Pereda.
A semana pasada licitáronse as obras destinadas á mellora da eficiencia enerxética en 20 vivendas de promoción pública de Melide; de 34 na rúa Menéndez Pelayo de Vigo; e de 45 en Becerreá. Ao longo dos vindeiros meses sumaranse outras novas cunha segunda actuación en Melide; en Cerdido; ou en Pontevedra, concretamente en Monteporreiro.
Por outra banda, a Xunta, no segundo semestre do ano, activará as axudas para que os concellos poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres co fin de recuperar o patrimonio construído en desuso, unha liña á que este ano achegaranse 400.000 euros.
A conselleira fixo fincapé no programa Rehaluga, unha nova medida que prevé axudas para a rehabilitación de vivenda con destino a alugueiro social e que nace para complementar e incentivar o Programa de Vivendas Baleiras. Esta iniciativa pioneira de axudas a fondo perdido posibilitará restaurar as vivendas desocupadas para destinalas a alugueiro social.
Este programa permitirá, por unha banda, reducir o número de vivendas en mal estado ou desocupadas; e, por outra, dar resposta ás necesidades daquelas familias que se atopan en situación de dificultade. A convocatoria de axudas correspondente a este exercicio ascende a 200.000 euros e sairá publicada nos vindeiros días.
O Goberno galego tamén ten avanzado no programa de concesión de préstamos, sen intereses, ou bonificados, a particulares, para que realicen actuacións de renovación nas súas vivendas. Tanto se se trata de actuacións promovidas de forma individual, como a través da comunidade de propietarios.
Ademais, nas próximas semanas activarase a convocatoria do Fondo de cooperación cos concellos, un programa polo que a Xunta concederá aos municipios de menos de 50.000 habitantes préstamos a interese cero para que estes poidan recuperar edificacións dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación. O fondo estará dotado, inicialmente, con 10 millóns e as contías devoltas polos concellos volverán formar parte deste Fondo de Cooperación.
Novos instrumentos
Esta estratexia de rehabilitación verase enriquecida con outros instrumentos novidosos como o Observatorio da vivenda, que se creará este ano, para facilitar o coñecemento do mercado inmobiliario residencial de Galicia e das necesidades e actuacións de rehabilitación, ás administracións públicas, aos axentes sociais e a todos os cidadáns.
A Xunta tamén creará un novo instrumento normativo: a primeira Lei galega de Rehabilitación, cuxo principal cometido será impulsar e axilizar as actuacións en materia de rehabilitación e renovación urbana, de xeito especial nos cascos históricos, facilitando as intervencións dos particulares e coordinando as políticas públicas nesta materia.
A lei prevé a realización de plans de viabilidade e diagnose; de medidas de coordinación e simplificación administrativa; e de financiamento, en aras a conseguir a recuperación de espazos urbanos, facéndoos accesibles e posibilitando o deseño de programas dirixidos ao asentamento da poboación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario