Nava Castro pon en valor o papel da música e das tradicións como reclamo turístico
A directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Vigo asistiron hoxe en San Miguel de Oia ao IV Festival de Canto Coral das Autonomías no que participaron corais de diferentes puntos de España
Infogauda / San Miguel de Oia (Vigo)
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, inauguraron hoxe o Festival de Canto Coral das Autonomías que se celebrou en San Miguel de Oia, en Vigo.
Durante o acto, a responsable de Turismo puxo en valor o papel que as tradicións están a ter en Galicia como reclamo turístico.
Así mesmo, recordou o arraigo e a tradición da música vocal na nosa comunidade, como así o demostran as numerosas agrupacións corais en Galicia. Neste sentido, referiuse á aposta que o seu departamento está a facer por consolidar un turismo que aposte polas tradicións e a cultura.
“Apoiar a difusión e promoción da nosa tradición é unha aposta de futuro e é tamén unha aposta por un turismo de calidade e diferenciador”, indicou Nava Castro, quen tamén quixo recoñecer a labor feita por asociacións e entidades que, co seu traballo constante, contribúen a manter vivas todas estas tradicións.
A nova edición do Festival de Canto Coral das Autonomías contou coa participación de corais galegas, así como outras procedentes de Madrid ou Asturias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario