"Degusta Europa" chega a Tui cun menú elaborado pola Escola de Hostalería Manuel Antonio de Vigo
Carmela Silva anunciou que o vindeiro 8 de maio terá lugar na localidade un acto no que se poñerá en valor o Camiño Portugués tradicional e Tui como corazón desta ruta
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a deputada de Emprego, María Montserrat Magallanes, no mercado de abastos de Tui á segunda xornada do "Degusta Europa. Gastronomía no Camiño"
Foto: D.P.
Infogauda / Tui
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a deputada de Emprego, María Montserrat Magallanes, asistiu onte no mercado de abastos de Tui á segunda xornada do "Degusta Europa. Gastronomía no Camiño". Silva manifestou que "esta iniciativa ten por obxectivo reivindicar e potenciar a calidade dos produtos locais á venda nos mercados situados á beira dos camiños xacobeos que transcorren pola provincia, enmarcándose, así, dentro dunha das liñas principais de promoción do Destino Rías Baixas deste ano".
Carmela Silva informou que Tui, "como corazón e porta de entrada do Camiño Portugués tradicional, o que máis visitantes ten de toda a provincia, tiña que ter un papel protagonista en «Degusta Europa»". Neste contexto, o alumnado da Escola de Hostalería Manuel Antonio de Vigo foi o encargado de cociñar en directo, ante a atenta mirada das persoas visitantes do mercado, 5 tapas diferentes elaboradas con produtos que foron adquiridos no propio mercado da localidade: chulas de bacallau con crema de cabaza, anguías de Ponte Sampaio en tempura, arroz cremoso de chocos de Redondela, rabo de tenreira estufado ao viño do Porto en pan de chapata e natas de Belém.
A aposta da Deputación de Pontevedra polo Camiño Portugués tradicional e por Tui continuará nas vindeiras semanas. Así, a presidenta da institución provincial adiantou que o vindeiro 8 de maio terá lugar no concello un acto "no que dará a coñecer a promoción que realizará a Deputación de Pontevedra sobre o Camiño Portugués tradicional e sobre Tui como corazón desta ruta". Ao respecto, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceulle á institución provincial a axuda que lles está a prestar aos concellos, así como a posta en marcha de actuacións "coma este programa que conxuga tanto gastronomía, máis nun espazo físico como é a praza de abastos, que está a pasar por un momento de difícil viabilidade, coma o Camiño Portugués tradicional, tan importante para Tui".
"Degusta Europa. Gastronomía no Camiño", que o pasado ano repartiu arredor de 10.000 tapas entre milleiros de persoas, está a percorrer diferentes concellos da provincia de Pontevedra que son puntos neurálxicos dos camiños cara a Santiago de Compostela. O programa, que comezou en Vigo e continuou onte en Tui, seguirá nas próximas semanas nos mercados de Baiona (mércores 3 de maio, de 11 a 12 horas), Pontevedra (venres 5 de maio, de 11 a 12 horas), O Grove (xoves 11 de maio, de 11 a 12 horas) e Soutomaior (venres 12 de maio, de 12 a 13 horas).

Ningún comentario:
Publicar un comentario