‘IMAXINAR A EDUCACIÓN.50 ANOS CON FRATO’: UNHA EXPOSICIÓN PARA REFLEXIONAR SOBRE A ESCOLA, O XOGO E A CIDADE
O pedagogo italianoFrancescoTonucciabriu a mostra lendo unha carta dedicada ao seu alter ego ‘Frato’e dándolle voz ao seu seudónimo
A presidenta Carmela Silva asegurou que “se imaxinamos a educación como Frato e Tonucci faremos o que corresponde facer: crear sociedades de homes e mulleres felices”
O vicepresidente Mosquera destacou a súa satisfacción por traer a exposición a Pontevedra, o que cualificou como “unha aventura, unha odisea”
Viñeta de Francesco Tonucci
Infogauda / Pontevedra
A exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ está xa no Pazo da Cultura. O pedagogo Francesco Tonucci abriu hoxe a mostra -un percorrido polas súas viñetas sobre educación, xogo e autonomía dos nenos e nenas- coa lectura dunha carta ao seu alter ego ‘Frato’ e dándolle voz ao seu seudónimo. Durante a mañá representantes da Deputación –como institución organizadora-, do Concello e da Xunta de Galicia coñeceron os diferentes espazos da e, xa pola tarde, logo da conferencia inaugural, a entrada foi libre para o público.
Francesco Tonucci quixo dar comezo á apertura da exposición dunha forma orixinal. Durante a presentación da mostra ás autoridades fixo unha lectura dunha carta dende a súa persoa ao seu alter ego, o debuxante Frato. Nesta carta Tonucci deu a noraboa ao debuxante polo seu éxito e lembrou que os primeiros debuxos xurdiron por un traballo para realizar un test sobre agresividade infantil mediante imaxes. Segundo dixo, logo seguiu debuxando máis figuras, mais as tiras non estaban asinadas porque sentía reparo de que un investigador se dedicase a ese labor. Dende entón, sen embargo, os personaxes tomaron cada vez máis repercusión e chegaron a ter espazo en revistas sobre investigación, acadando incluso un doutorado Honoris Causa.
Según Tonucci, o maior éxito de Frato foi entrar nun mundo hostil á sátira como é o da Educación: “Conseguiches entrar e defender aos nenos, que normalmente non teñen nin voz nin voto para denunciar os erros educativos dos mestres ‘tozudos’ e tamén dos progresistas. Algúns enfadáronse, outros conmovéronse”, asegurou.
Para finalizar a lectura da carta entre si mesmo e o seu seudónimo, Tonucci asegurou a Frato que “logo de 50 anos de curiosas relacións entre nós, un tanto esquizofrénicas, conflitivas e afectuosas, podo dicir que me enriquecín contigo e podo con toda sinceridade desexarte e desexarme que podas seguir acompañando o meu traballo ao lado das nenas e os nenos”.
Xa pola tarde, na conferencia inaugural do auditorio do Pazo da Cultura previa á apertura ao público, FrancescoTonucci deu voz a Frato e, con imaxes das súas viñetas, foi teatralizando as viñetas para convertilas en situacións reais. Neste labor estivo acompañado pola actriz Bea Campos.
Mulleres e homes felices
No acto inaugural da mañá a presidenta da Deputación asegurou que “se imaxinamos a educación como Frato e Tonucci estaremos facendo o que corresponde facer: crear sociedades de homes e mulleres felices”. Carmela Silva lembrou a unha antiga profesora de Pedagoxía cando ela estudaba Maxisterio e sinalou que é verdade a súa afirmación de que as nenas e os nenos que eduquemos hoxe serán quen constrúan o mundo no que vivimos.
En canto a Francesco Tonucci e Frato, Silva sinalou que esta semana “temos profundizado na súa filosofía pedagóxica, na súa forma de entender a escola e a sociedade” polo que lle mostrou un “profundo agradecemento polo traballo feito pola provincia” e o cualificou como “unha persoa das que te emocionan, e cando a coñeces a queres”.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera, de quen partiu o proxecto de traer a exposición a Pontevedra e de facer posible a visita de Francesco Tonucci durante esta semana na provincia, destacou que o feito de que a mostra sexa unha realidade: “foi unha aventura e unha odisea polas súas características”, dixo, tanto polas dificultades que xurdiron como polo traballo para achegala aos destinatarios dos colexios, docentes e alumnos. “Despois de varias vicisitudes está aquí. Creo que é unha satisfacción para todos os que traballaron nisto e estamos convencidos de que será un éxito e de que o traballo pagou a pena”, asegurou.
Finalmente, a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, sinalou que ter a oportunidade de que Pontevedra acolla a exposición de Francesco Tonucci “é moito máis que unha honra, porque hai persoas, colectivos, equipos humanos que co seu traballo contribúen a cambiar a sociedade, a facer do mundo un mundo mellor para vivir. Esas son as persoas que procuramos inspiren o noso traballo no Concello de Pontevedra. Francesco e Frato é unha desas persoas”. Da Silva salientou, así mesmo, o feito de que sexa un edificio municipal, o Pazo da Cultura, o que acolla a mostra, que quixo definir como “histórica”.
Os espazos da mostra
A exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ –aberta ata o 11 de xuño- está estruturada ao redor de 10 ámbitos que axudan a reflexionar e tomar conciencia desde o punto de vista dos nenos e nenas as fronte a realidades cotiás como a escola, a casa, o xogo, a cidade ou a aprendizaxe, entre outras.
‘As viñetas de Frato dannos a Benvida’, onde se expoñen algunhas das ilustracións máis representativas do pedagogo italiano, é a área que abre a exposición, para dar paso a ‘O mundo de Frato’, onde se achega á persoa e ao personaxe a través de debuxos orixinais, fotografías, obxectos... A súa reivindicación sobre a importancia de integrar actividades manuais e oficios na escola tamén se materializa na mostra no espazo ‘Cen mans, cen linguaxes’, onde a través de imaxes e propostas interactivas provócase ao público a que use as súas mans para pensar, para experimentar.
Séguenlle outro sete ámbitos baseados na participación, a creatividade, a aprendizaxe e a imaxinación. ‘Bicicleta. Espazo para gozar, investigar e aprender’ reflicte o valor de liberdade e autonomía, que leva implícito o uso da bicicleta desde a infancia, á vez que se explica o proceso físico e mecánico que permite o movemento; ‘Construcións, pequenas pezas, grandes creacións’ é unha zona para dar renda solta á curiosidade e a creatividade con materiais sinxelos e reciclados; ‘Xoguetes. A xogar non se aprende, pero xogando apréndese’, partindo de modelos de xoguetes, convidas aos asistentes a que deseñen xoguetes, investiguen mecanismos, indaguen en novas formas de comunicar a través do xogo; ‘Teño unha idea. Propostas para seguir inventando’, creacións libres a través de tres propostas: as palabras, as accións e as formas; ‘Ágora. Nenos e nenas toman a palabra’, un espazo no que os nenos poderán tomar a palabra e debater sobre a súa cidade, a educación e calquera tema que consideren; ‘Natureza. Auga, barro e area para aprender’ é un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo e ‘Para saber máis’ é, finalmente, un espazo bibliográfico e de consulta informática. Nestes momentos están concertadas visitas de máis de 3.600 escolares, preto de 300 docentes e estudantes de Ciencias da Educación, así como de asociacións e grupos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario