21 de mar. de 2017

O ROSAL

CORES TOURÍS ANALIZA COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O CONCELLO DO ROSAL AS SOLUCIÓNS PARA EVITAR O ACCESO DE GANDO Á CG-4.2 

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra destacou que se instalarán tres pasos canadenses nas saídas dos camiños 
   
· As tres institucións tamén estudarán a posibilidade de colocar un valado con postes metálicos e malla

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión no concello do Rosal co alcalde desta localidade, Jesús María Fernández Portela, e o deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez Fernández

Infogauda / O Rosal

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión no concello do Rosal co alcalde desta localidade, Jesús María Fernández Portela, e o deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez Fernández, co obxectivo de analizar as solucións para evitar o acceso de gando á CG-4.2 e mellorar a seguridade viaria nesta estrada.  

 Esta reunión prodúcese despois dos accidentes ocorridos o pasado febreiro cando varios cabalos accederon á CG-4.2, a estrada de alta velocidade que enlaza A Guarda e Tui, chocando con varios vehículos.   

 Segundo se destacou na reunión mantida hoxe, os cabalos baixan en manada dende os montes de Oia, Tomiño e O Rosal cara ao entorno do río onde pastan. Para chegar ata esta zona, cruzan o vial da Deputación que enlaza coa CG-4.2, o que provoca que algúns acaben accedendo a esta estrada de alta capacidade.  

 Como primeira medida, acordouse instalar tres pasos canadenses nas saídas dos camiños que conectan coa estrada provincial. “Outra posibilidade que tamén contemplamos é a de instalar un valado con postes metálicos e unha malla, de cara a que non salten á estrada da Deputación”, explicou Cores Tourís.   

 Outra das medidas de seguridade viaria que se puxeron sobre a mesa é a construción dunha senda que enlace os núcleos de Tabagón con Valdemiñotos, cun tramo que transcorrería pola estrada provincial e outro pola autonómica.   

 A execución desta obra, que permitiría garantir a seguridade viaria de peóns, será avaliada polos técnicos da Xunta, concello e Deputación, e serviría tamén para dar continuidade a que xa existe neste entorno.  

 O alcalde do Rosal, pola súa banda, apuntou a que esta obra podería ser sufragada polas tres administracións a través da firma dun convenio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario